Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 300.000 euros para apoiar proxectos de cooperación internacional das ONG coruñesas

Tamén poden ser beneficiarias aquelas que actúen en conflitos bélicos como o de Ucraína ou que traballen coas persoas refuxiadas

González Formoso destaca que a solidariedade coruñesa "axuda a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas en diversos países do mundo"

Dezanove proxectos contaron co apoio da Deputación o ano pasado

A Deputación da Coruña destina 300.000 euros para apoiar proxectos de cooperación internacional das ONG coruñesas

FOTO (ARQUIVO) : Reunión Telemática do presidente con ONG coruñesas en América Latina para coñecer os proxectos desenvolvidos co apoio a Deputación

A Deputación da Coruña destinará este ano 300.000 euros ás liñas de axudas para o financiamento, en colaboración con ONGD e asociacións sen ánimo de lucro da provincia, de proxectos de axuda ao desenvolvemento e cooperación internacional, aumentando en 70.000 euros o orzamento destinado para tal fin no anterior exercicio.

As bases destas axudas acaban de publicarse no Boletín Oficial da Provincia. Están abertas á concorrencia das entidades que traballen no campo da cooperación internacional, a axuda humanitaria e á educación para o desenvolvemento e que teñan domicilio social na provincia da Coruña, e establecen dúas liñas de subvencións diferenciadas, unha para o financiamento de actividades, dotada con 150.000 euros, e outra para investimentos, cun orzamento doutros 150.000 euros.

Cofinanciaranse proxectos en países de América Latina, Caribe, África ou a India, que atendan a colectivos prioritarios como mulleres e nenas, infancia, poboación indíxena ou persoas con diversidade funcional. Ademais, tamén poden ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades que actúen sobre o territorio con persoas afectadas por conflitos bélicos actuais como o de Ucraína ou que traballen coa poboación refuxiada ou desprazada.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou o compromiso e a longa traxectoria da Deputación no apoio a proxectos de cooperación exterior e o reforzo desta aposta "nun contexto social e político internacional como o actual". "A solidariedade coruñesa axuda a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas en diversos países do mundo", salientou.

Proxectos en Colombia, Guatemala ou Bolivia

Dende hai anos, a Deputación colabora con programas solidarios como "Vacacións en Paz", que trae á provincia nenos saharauís durante o verán; "Viaxe cara á vida", da Fundación Tierra de Hombres, que permitiu traer a nenos e nenas de países africanos como Togo, Benin, Senegal ou Mauritania para ser operados de cardiopatías no CHUAC da Coruña, ou o programa impulsado por Ledicia Cativa para que nenos da área afectada polo accidente nuclear de Chernóbil pasen as súas vacacións en diversos concellos coruñeses.

Ademais, a solidariedade coruñesa permitiu tamén impulsar programas como o da Fundación Forjando Futuros que, en Colombia, traballa con campesiños que foron despoxados das súas terras e que, como explica o seu presidente, Gerardo Vega, "grazas á colaboración da Deputación, 227 familias recuperaron os seus predios que lles foran arrebatados de forma inxusta".

Estas liñas de axudas tamén permiten mellorar as infraestruturas sanitarias, educativas, levar servizos básicos coma o abastecemento de auga a distintas comunidades ou mellorar a calidade de vida das mulleres en países como Guatemala e Bolivia.

Unha traxectoria que se impulsa de novo con estas convocatorias, a través da que se financiarán proxectos destinados a fortalecer as necesidades sociais básicas (atención sanitaria, nutrición, saúde reprodutiva e materno-infantil, educación infantil e alfabetización de adultos), á protección dos colectivos máis vulnerables (infancia e mocidade, mulleres, refuxiados, poboacións indíxenas...), accións destinadas á solución de conflitos ou á protección e mellora da calidade medioambiental.

Terán prioridade aqueles proxectos que formen parte dun plan integral de desenvolvemento da área xeográfica onde se materialice o proxecto, os que conten coa colaboración de asociacións locais e os proxectos presentados por agrupacións de ONGD, entre outros.

As entidades participantes poderán solicitar axudas para o financiamento de actividades ata un importe máximo de 20.000 euros, mentres que no apartado de investimentos o importe máximo que se vai financiar será de 32.000 euros. A Deputación achegará entre o 20% e o 80% do total do orzamento de gastos estimado.

19 proxectos contaron co apoio da Deputación o ano pasado

En 2021, a Deputación da Coruña colaborou con 19 ONG para financiar outros tantos proxectos de cooperación exterior e axuda ao desenvolvemento en distintos países de África, Sudamérica, Centroamérica e India, con axudas que oscilaron entre os 5.776 e os 28.159 euros, destinadas fundamentalmente a financiar proxectos de carácter educativo, sanitario, loita contra a pobreza e mellora de infraestruturas públicas en comunidades de países con escasos recursos.

Entre as axudas concedidas están as dirixidas á construción da segunda planta do Centro Comunitario de Formación Integral para o empoderamento económico de mulleres indíxenas en 3 barrios marxinais de Cochabamba (Bolivia), dar continuidade ao funcionamento do Centro Comunitario de Desenvolvemento Local Sustentable Escola Coruña 2021 (Senegal), acceso sanitario básico nos barrios chavolistas do barrio de Sigra (India), ou o fortalecemento de capacidades para a xestión comunitaria da auga en aldeas dos 7 municipios da mancomunidade NASMAR (Honduras) con enfoque de xénero.

Destináronse tamén 11.812 euros para financiar, en colaboración coa ONG AIRE, creada por bombeiros da provincia da Coruña, a segunda fase da construción dun parque de bombeiros que xa está funcionando na Wilaya de Smara, nos campamentos saharauís.