A Deputación adxudica por 773.498 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Neaño ao Allo, en Cabana de Bergantiños
As obras consisten na execución dunha senda de 1,2 quilómetros e na ampliación da plataforma ata conseguir dous carrís de 3,5 metros de ancho
A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 773.498 euros as obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial DP-1406, no tramo que vai de Neaño ao Allo, pasando por Cesullas, no Concello de Cabana de Bergantiños.
As obras consisten na execución dunha senda de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe dereita da estrada, entre os PQ 0+680 e PQ 1+900, e na ampliación da plataforma ata conseguir dous carrís de 3,5 metros e beiravías de 0,5 metros, salvo na zona na que se executan os muros, na cal a beiravía da marxe esquerda terá un ancho de 1 metro.
Segundo explicou a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, ambas actuacións suporán unha notable mellora na seguridade tanto do tráfico rodado, ao incrementar o ancho da plataforma, coma dos peóns, xa que o vial contará cunha senda de 1,2 quilómetros pola que a veciñanza poderá circular a pé con seguridade.
Para levar a cabo esta actuación vanse levar a cabo os movementos de terras previos, colocarase unha capa de xabre e regularase o firme, colocarase un muro de dique renovaranse as infraestruturas para a drenaxe de auga.
Por último colocarase unha nova sinalización vertical, horizontal e incluirase un balizamento ao largo do percorrido, xunto cunha separación do carril a través dunha banda lonxitudinal con ollos de gato.
As expropiacións dos terreos necesarios para a execución dos traballos xa foron realizadas e supuxeron un investimento de 88.605 euros. As obras comezarán nas vindeiras semanas.