A nova glorieta de acceso ao Parador da Costa da Morte, en Muxía, estará operativa para a Semana Santa
A obra, cun importe de adxudicación de 404.295,82 euros, forma parte da mellora da DP-5201 (que une a cabeceira municipal con Touriñán) dende o seu inicio ata o punto quilométrico 2+475, un proxecto no que primaron os criterios relacionados coa seguridade viaria
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comprobou o resultado dos traballos na estrada provincial e destacou que a partir de agora turistas e veciñanza disporán dunha vía "en condicións, cun ancho idóneo e cunha beiravía que permite o tránsito de peóns"
A mellora do primeiro tramo da estrada provincial que une Muxía con Touriñán está practicamente finalizada. A falta de detalles na sinalización, o treito obxecto das obras, que dá acceso ao Parador da Costa da Morte, estará operativo para a Semana Santa, cando se prevé unha gran afluencia de turistas á comarca, e nunhas datas nas que esa infraestrutura adoita ter moito uso.
Anunciouno o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que esta mañá comprobou "in situ" o resultado dos traballos xunto ao alcalde, Iago Toba, e á deputada de Infraestruturas Viarias e Obras, Mónica Rodríguez. A execución do proxecto, adxudicada por 404.295,82 euros, incluíu a construción dunha rotonda para regular o tráfico na intersección coa estrada municipal que comunica os lugares de Serantes, Cartel e O Vilariño, nas inmediacións do propio Parador. Con ela dáselle solución ao problema de seguridade viaria que existía no antigo cruce, en forma de T.
As obras consistiron tamén na mellora da capa de rodaxe entre o inicio da vía e a antedita glorieta, no punto quilométrico 2+475, mediante o estendido e compactado dunha mestura bituminosa en quente. Proximamente, completarase tamén a instalación de iluminación na rotonda.
Formoso asegurou que esta actuación é mostra de que a Deputación "segue investindo na Costa da Morte, nas súas infraestruturas e equipamentos", e, no caso concreto da DP-5201, "apoiando ao Concello de Muxía para que poida ofrecer aos turistas e ás veciñas e veciños unha infraestrutura en condicións, cun ancho idóneo e cunha beiravía que permite o tránsito de peóns".
O presidente insistiu en que o proxecto, "a petición do alcalde", concibiuse "pensando na seguridade viaria nunha estrada que une a vila cun dos principais equipamentos da Costa da Morte xunto co faro de Fisterra, como é o Parador de Muxía".
O rexedor, pola súa banda, destacou a importancia da obra "para o desenvolvemento turístico da zona e para a seguridade da veciñanza". "É un exemplo do compromiso do presidente con este municipio", afirmou antes de lembrar que a capacidade de investimento de Muxía depende nun moi alto grao de fondos da Deputación. Por iso, dixo, "é importante que a xente vexa que o que recada reverte nos municipios", algo polo que lle expresou a Formoso o seu agradecemento.
Con esta actuación, a Administración provincial dá un novo paso na mellora da estrada que une a cabeceira municipal coa zona de Touriñán. Nos últimos anos realizáronse na DP-5201 varias intervencións, como foron a construción dunha senda peonil para mellorar a seguridade viaria do punto quilométrico 1+130 ao 1+780, na que se investiron 331.288,16 euros, ou a mellora do trazado entre o 2+387 e o 4+086.
Estas últimas obras, que tiveron un custe de 707.560,81 euros e se concluíron en setembro do 2019, serviron para anchear a estrada ata os 8 metros (7 para os carrís de circulación e 0,5 en cada marxe para as beiravías), instalar conducións de pluviais e revestir as gabias con formigón. Ademais, construíronse outra senda peonil e un miradoiro.
Unha vez executada a nova intersección en forma de rotonda, contémplase a realización da mellora da capa de rodaxe do resto da DP-5201. A solución será a aplicación dunha mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor en todo o ancho da estrada, incluíndo zonas de estacionamento de vehículos, beiravías e a senda peonil que linda con ela.
Visita ao secadoiro de congro
Antes de visitar a obra, Formoso achegouse ao secadoiro tradicional de congro que mantén a empresa Lemar, un dos últimos que quedan en funcionamento en Europa. Na compaña da propietaria, Carla Castro, percorreu unhas instalacións nas que, debido á normativa comunitaria, se modificaron os procesos tradicionais de secado ao sol, ao aire libre, para facelos agora en cámaras, de acordo cos requirimentos sanitarios.
A responsable da empresa explicou a historia da elaboración artesanal do produto, moi arraigado en Muxía, e mostrou o procedemento actual, que se realiza con temperaturas controladas e todas as medidas hixiénicas.
A xornada do presidente da Deputación en Muxía finalizou cunha visita ao Parador da Costa da Morte.