A Deputación aproba un investimento de 414.000 euros para a mellora da seguridade viaria na DP 7603, no Concello de San Sadurniño
A actuación realizarase desde a Feira de San Sadurniño ata o Coval, entre os PQ 0+300 e o PQ 4+200
Proxéctase unha capa de rodaxe mediante a colocación de bituminosa en quente en todo o ancho da calzada e das súas beiravías
A Deputación da Coruña aprobou na sesión plenaria ordinaria do pasado mes de abril a execución do proxecto de mellora da capa de rodaxe na DP 7603 en San Sadurniño, que conta cun orzamento de 414.033 euros dentro do Plan de conservación de estradas provinciais.
A actuación, que hoxe se publica no BOP, realizarase desde a Feira de San Sadurniño ata o Coval, entre os PQ 0+300 e o PQ 4+200.
Realizarase a mellora da capa de rodaxe da dita estrada mediante a colocación dunha nova capa de mestura de bituminosa en quente a todo o ancho da calzada e das súas beiravías.
Previamente ás obras realizarase unha limpeza das beiravías e, ao remate, contémplase a reposición das marcas viais do eixo da estrada e das beiravías, así como o repintado de símbolos e dos pasos de peóns.
Con esta obra mellóranse as infraestruturas básicas do Concello de San Sadurniño, facilitando os desprazamentos da veciñanza polo municipio.
O prazo para a execución da obra será de tres meses a partir do seu inicio.