Estás en:Novas

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, visita en Ribeira o Dolmen de Axeitos e o Castro da Cidá

Durante o encontro, Deputación e Concello abordaron o plan de posta en valor do dolmen, que inclúe unha serie de melloras de accesibilidade e protección da contorna

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, visita en Ribeira o Dolmen de Axeitos e o Castro da Cidá

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, estivo no Concello de Ribeira, onde visitou o Dolmen de Axeitos e o Castro da Cidá. Fíxoo acompañado do alcalde, Luis Antonio Pérez Barral, e parte da corporación municipal.

Posta en valor do Dolmen de Axeitos
Durante a visita, Concello e Deputación analizaron o plan de posta en valor do dolmen de Axeitos, propiedade da entidade provincial, que inclúe melloras nos accesos ao monumento megalítico e na protección da contorna.

Concretamente, Xosé Penas presentou as propostas, que consisten nun cambio do sentido da visita para potenciar a carballeira existente e dotar ó dolmen dun maior protagonismo creando, ao mesmo tempo, un círculo de seguridade ao redor.

"O Dolmen de Axeitos é unha xoia megalítica que debemos coidar e potenciar" apuntou o deputado. "Dende a Deputación da Coruña velamos pola preservación de monumentos patrimoniais coma este, que son identidade, cultura e historia do noso país. Por iso estamos traballando na posta en valor do Dolmen de Axeitos e da súa contorna, entre outras actuacións".

Ademais, o deputado puido coñecer as últimas escavacións arqueolóxicas realizadas no Castro da Cidá, así como todo o conxunto patrimonial da primeira Idade de Ferro.