Estás en:Novas

A provincia da Coruña acolle, co apoio da Deputación, as tres probas que a World Surf League celebrará este ano en España

Os mellores especialistas mundiais citaranse no Gadis Longboard Festival Ferrol (do 13 ao 16 de xuño), no Abanca Pantín Classic Galicia Pro (Valdoviño, do 24 de agosto ao 1 de setembro) e no Cabreiroá Junior Pro Razo (Carballo, do 24 ao 28 de de setembro)

"O surf é un elemento tractor e o convenio entre a Deputación e a organización destes tres campionatos é seguramente un dos máis importantes que firmamos", sinalou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na presentación hoxe das probas

A provincia da Coruña acolle, co apoio da Deputación, as tres probas que a World Surf League celebrará este ano en España

A World Surfing League (WSL) volve este verán ás costas coruñesas con tres probas que contarán co apoio da Deputación da Coruña e que serán as únicas do circuíto mundial que se disputen en España: o Abanca Pantín Classic Galicia Pro, o Cabreiroá Junior Pro Razo e o Gadis Longboard Festival Ferrol. Presentáronse esta mañá no hotel Quinta da Auga, de Santiago, nun acto no que participaron o vicepresidente e titular de Turismo da Deputación, Xosé Regueira; os alcaldes de Valdoviño, Carballo e Ferrol, Alberto González, Evencio Ferrero e José Manuel Rey Varela; o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, e Yago Barreto, representante da organización das tres citas españolas da WSL.

Surf, música en vivo, sorteos e food trucks encherán o programa das tres competicións, que reunirán os mellores surfistas do panorama internacional, en diferentes categorías e especialidades, nas praias de Pantín (Valdoviño, do 24 de agosto ao 1 de setembro), Razo (Carballo, do 24 ao 28 de de setembro) e A Fragata (Ferrol do 13 ao 16 de xuño).

Durante a súa intervención, Regueira salientou o potencial do surf, "elemento tractor dentro do turismo, pois falar de surf é falar de economía". "Falamos continuamente de sostibilidade, de buscar un perfil de visitante diferente, máis responsable e máis comprometido tamén co territorio, e o surf danos moitos deses ingredientes", engadiu.

"O convenio entre a Deputación e a organización destes tres campionatos", explicou Regueira, "é seguramente un dos máis importantes que firmamos ano tras ano. Ten moito de culpa a organización, que nos soubo convencer das posibilidades que ten o surf, por iso era a nosa obriga estar aí, apoiándoos".

"Certo que a 'Triple coroa' mundial de surf vaise celebrar en Galicia, aínda que eu vou circunscribir o acontecemento ao ámbito da Coruña, unha provincia con 956 quilómetros de costa onde pasan cousas para referenciar a nivel internacional, e o surf é unha das máis importantes", afirmou o vicepresidente.

Para Regueira, "o sector económico relacionado co surf que se está a desenvolver é relevante non só para os municipios de costa, senón para os de todo o territorio, onde buscamos diversificar e crear produtos de tracción internacional". "Produtos só posibles de ofrecer coa colaboración entre as administracións; neste caso, entre a Deputación da Coruña, a Xunta e os concellos, pero tamén co concurso, imprescindible, do sector privado, pois sen a cooperación co sector privado proxectos coma o que hoxe presentamos non existirían".

O vicepresidente e titular de Turismo rematou a súa intervención falando de Experiencias España, "outro proxecto no que estamos empezando a traballar moitos dos que estamos hoxe aquí e que implica as administracións nunha rede de pobos de surf; un proxecto no que temos postas grandes esperanzas para que sirva tamén para que o turismo deportivo da provincia, un turismo de calidade, se vexa beneficiado dese esforzo cooperativo".