Formoso participa en Outes na homenaxe a Manuel Otero Martínez, único falecido español na praia de Omaha durante o Desembarco de Normandía
A asociación cultural 'The Royal Green Jackets' organizou este acto de lembranza para o 80º aniversario dunha das batallas máis importantes da Segunda Guerra Mundial
Natural de Outes, foi enterrado no cemiterio de San Xoán de Sabardes, onde tivo lugar esta conmemoración

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde no adro da igrexa de San Xoán de Sabardes, en Outes, na homenaxe a Manuel Otero Martínez, único falecido español na praia de Omaha durante o Desembarco de Normandía. No acto, organizado pola asociación The Royal Green Jackets participou tamén o presidente da entidade, Manuel Arenas, o autor da investigación histórica que recolle nun libro a biografía de Manuel Otero, Antonio Sende, o alcalde de Outes, Manuel González e familiares do soldado falecido en 1944.
Segundo indicou o presidente provincial "hoxe estamos aquí para render homenaxe ao único soldado español e galego que hai 80 anos combateu xunto a máis de 150.000 soldados de distintas nacionalidades na praia de Omaha para liberar a Europa do xugo nazi".
Formoso sinalou que "o acto de hoxe adquire moito máis valor no contexto tan complicado no que vivimos, cunha situación bélica en Europa e prebélica en moitos outros lugares do mundo".
"Galicia vive hoxe nunha sociedade en paz, plural e libre baixo o paraugas da Unión Europea grazas, entre outras cousas, a personaxes como Manuel, que loitaron e incluso deixaron a súa vida por valores como a democracia e a liberdade hai oito décadas", concluíu.
A asociación cultural 'The Royal Green Jackets' organizou este acto de lembranza para o 80º aniversario dunha das batallas máis importantes da Segunda Guerra Mundial e na que Otero combateu e foi o único galego e español falecido.
Esta entidade recuperou fai unha década a historia de Manuel Otero, cuxo nome aparece na placa conmemorativa da praia francesa na operación 'Overlord', que o recoñece como único español e galego caído en combate no desembarco de Normandía, onde hoxe, á mesma hora que en Outes, se celebrou outra homenaxe.