Deputación inviste 1,7 millóns no reforzo do firme da estrada DP 1802 Veiga de Cabana-As Pontes, que estará rematada en xullo
Formoso visitou as obras, que renovan a capa de rodaxe de 9,2 quilómetros do vial, que conecta os núcleos de Goente, A Faeira, San Pedro de Eume, Ribadeume e As Pontes
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado do concelleiro de Obras da localidade, Roberto Rivera, visitou as obras que se están a executar na estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana ás Pontes
Os traballos supoñen un investimento de 1,7 millóns euros, un dos maiores de cantos se están realizando na rede de estradas provincial, para a renovación integral do firme ao longo de todo o vial, que foi ampliado en 2022, incrementando o seu ancho de 5 a 8 metros, o que permite agora o cruce de dous vehículos en condicións de seguridade.
As obras van desde o inicio do vial, no entronque coa estrada AC-664, ata o punto quilométrico 9+200, atravesando os núcleos de Goente, A Faeira, San Pedro do Eume, Ribadeume e As Pontes.
Formoso destacou que este importante investimento, acometido en varias fases para a mellora integral da estrada, "contribuirá notablemente á mellora da seguridade viaria, vertebración das comunicacións do municipio e tamén á fixación de poboación e o desenvolvemento económico da zona, xa que a estrada da servizo a distintas explotacións forestais e gandeiras existentes".
Con este novo investimento acometarase o reforzo do firme, reparando os desperfectos superficiais existentes, e a dotación de dúas capas de mestura bituminosa en quente, unha capa de regularización de mestura asfáltica tipo AC 16 Surf, rematando cunha nova capa de rodaxe de catro centímetros de espesor, o que mellorará notablemente as condicións de seguridade de circulación no vial.
O proxecto inclúe tamén o pintado das marcas viais da estrada, tanto no eixe como nas bandas laterais da calzada. Prevese que a obra estea rematada ao longo do vindeiro mes de xullo.