Estás en:Novas

Turismo da Deputación participa no TrasanFest (Oza – Cesuras) promocionando a gastronomía e a artesanía locais

O TrasanFest é un festival de música que se celebra na paraxe natural da parroquia de Trasanquelos (Oza – Cesuras) este sábado 29 de xuño

A entidade provincial desenvolverá diferentes actividades entre as que se atopan showcookings con 'A Artesa da Moza Crecha' e stands de produtos locais, tanto gastronómicos como artesanais

Turismo da Deputación participa no TrasanFest (Oza – Cesuras) promocionando a gastronomía e a artesanía locais

A parroquia de Transaquelos (Oza – Cesruas) converterase, a partir de mañá, no escenario da terceira edición do TrasanFest, un festival que se celebra en plena montaña e que combina música, natureza e gastronomía. A área de turismo da Deputación da Coruña estará presente neste evento, impartindo showcookings con 'A Artesa da Moza Crecha' e con postos de gastronomía e artesanía de diferentes produtores locais.

Showcookings
O sábado, no "Lago de abaixo", os chefs da betanceira "A Artesa da Moza Crecha" ofrecerán dous showcookings, ás 13:30h e ás 14:30h, de pratos elaborados con produtos de proximidade. O público asistente poderá degustar mexillón de Lorbé en Escabeche de Moringa, Alga e Sushizu con Hummus de Coral de Marisco e Xelatina de Vermouth; Polbo con Vinagreta de Panceta de Porco Celta con Cremoso de Cachelo a Feira e Queixo con Marmelo: Espuma de Queixo con Gelé de Marmelo e Miga de Bica.

En paralelo, durante a sesión vermú que terá lugar nese mesmo espazo, de 13h a 16h, os Bodegas Lodeiros, A Conserveira, Casa da Avoa e O Forno de Guísamo ofrecerán os seus produtos locais.

Produtos locais de gastronomía e artesanía
Estes produtores agroalimentararios estarán tamén na zona do mercado, a partir das 16h, xunto a Doces Raizame; Martietas de Fío; Pandejuevo; Mel Apia Natura e Cafés Lúa.

En canto aos produtores de artesanía, participarán no festival Rocigarcía Cerería Contemporánea; Susana Anta (cerámica); Carlos Afonso Rubio Pita (madeira); Comeluz (artes gráficas); Vacatola (coiro) e Cecilia Machado (cesteiría).

O vicepresidente, Xosé Regueira, salientou a importancia de colaborar con eventos como este, "respectuosos co medio, e que promocionan lugares tan únicos como a parroquia de Trasanquelos, ao mesmo tempo que xeran oportunidades e riqueza no territorio". "O Trasanfest é a oportunidade perfecta para gozar da nosa natureza, gastronomía, artesanía e música nun mesmo espazo e tempo", engadiu.