Estás en:Novas

A Deputación presenta un documental sobre a historia da homosexualidade no Reino Medieval de Galiza

'Maridos e sodomitas, os casamentos de home no reino da Galiza medieval' estrearase mañá ás 21h na canle de YouTube da Deputación e en Nós TV

Con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón, e realizado por Nós TV, é o primeiro audiovisual que aborda a historia da homosexualidade no reino medieval galego

A deputada de igualdade, Soledad Agra, presentou o proxecto acompañada da produtora executiva de Nós TV, Rosabel Candal e Carlos Callón

A Deputación presenta un documental sobre a historia da homosexualidade no Reino Medieval de Galiza

A Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación de 'Maridos e sodomitas, os casamentos de home no reino da Galiza medieval', un proxecto da área de igualdade da Deputación, realizado por Nós TV e con idea orixinal, guión e documentación de Carlos Callón. Este documental, o primeiro audiovisual que aborda a historia da homosexualidade no medievo galego, estrearase este xoves, 3 de xullo, ás 21:00 horas, no YouTube da Deputación da Coruña e de Nós Televisión. Tamén poderá verse na canle 119 de R e na plataforma Movistar Plus+.

Pioneiro en abordar a homosexualidade na Idade Media
Cun formato road trip, ao longo de 36 minutos, Callón vai viaxando por diferentes puntos da xeografía galega para dar a coñecer algúns fitos, documentación e monumentos da nosa historia. A deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, enmarcou esta peza "dentro da programación de actividades polo Día do Orgullo, que desenvolvemos durante todo o ano". E, salientou que, con ela, "recuperamos a historia da homosexualidade na Idade Media, cun documental único en Europa".

"A realidade galega no medievo amósanos que os casamentos e as relacións afectivas entre homes estaban máis normalizadas do que podíamos pensar", engadiu a deputada sobre un documental "que imos presentar máis adiante en diferentes puntos da provincia, para divulgar a nosa historia e identidade".

A produtora executiva de Nós Televisión e do documental, Rosabel Candal, agradeceulle á Deputación "a confianza" para "abordar por primeira vez a historia da homosexualidade no Reino Medieval en Galego". Un fito que representa "un paso máis en positivo no coñecemento da memoria tanto da diversidade sexual como do propio pobo galego". A produtora afirmou que "a homofobia non existía do mesmo xeito que na actualidade, pois hai unha serie de pegadas que dan conta de que as relacións entre homes estaban máis normalizadas do que nos pode parecer" e anima a "formar parte desta viaxe con moitas espertas que nos axudarán a entender o noso pasado sen a presenza de mitos e prexuízos que o deturpen".

"Unha loita pola verdade histórica"
Carlos Callón sumouse ao agradecemento á entidade provincial para a elaboración dunha peza "que nace de dúas sensibilidades: rescatar a historia do país e a da diversidade". Trátase, apuntou, "dun traballo colectivo que, dende mañá, pasará a ser de todas e de todos, que trata de recuperar a memoria esquecida, aquilo que está nos documentos pero que non se ve". Neste sentido, Callón sinalou que "a nosa riqueza documental é inmensa e debemos divulgala". Ese é, precisamente, o obxectivo deste audiovisual, "o primeiro europeo que fala das unións entre homes na Idade Media", que contribuirá a "desarmarizar a historia" a través dun percorrido con "auténticos eruditos que nos amosan que outros tipos de masculinidades xa existían no medievo". E, conclúe dicindo que o documental representa "unha loita pola verdade histórica".