Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e COGAMI promoven a inserción laboral de 444 persoas con discapacidade no primeiro semestre do ano

Formoso e Queiruga asinaron un convenio co que a institución provincial financia con 105.000 euros o Servizo de Intermediación Laboral para as persoas con discapacidade
COGAMI conta con 7.706 persoas usuarias na provincia e segundo Formoso realiza "unha labor fundamental no eido da inserción social e laboral"

A Deputación da Coruña e COGAMI promoven a inserción laboral de 444  persoas con discapacidade no primeiro semestre do ano

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o acordo de colaboración entre ambas as dúas entidades, que establece unha achega da entidade provincial de 105.000 euros. No acto participou tamén a deputada de Política Social, Mar García Vidal.

Esta axuda supón máis do 22% do orzamento do Servizo de Intermediación Laboral para as persoas con discapacidade provincia da Coruña durante o ano 2024, que no primeiro semestre deste ano permitiu xa a inserción laboral de 444 persoas.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo en valor o "fundamental labor que realiza COGAMI no eido da inserción social e laboral das persoas con discapacidade" e subliñou a importancia deste programa "para apoiar a estas persoas na busca dun emprego", afirmou.

Pola súa banda, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, expresou que "é necesario apoiar o servizo de intermediación laboral específico de atención a persoas con discapacidade porque supón un soporte para que o noso colectivo poida encontrar emprego, como xa fixeron neste primeiro semestre de ano 444 persoas na provincia". Queiruga agradeceu o apoio da Deputación ao servizo de emprego pero tamén lembrou que "esta colaboración é necesaria neste ámbito pero tamén noutros porque a discapacidade é transversal"

O Servizo de Intermediación Laboral de Cogami permite apoiar as persoas con discapacidade nas actividades vinculadas á busca activa de emprego. Na actualidade, conta con 7.706 persoas usuarias na provincia da Coruña, que forman parte dun total de 17.380 persoas en toda Galicia.

A iniciativa préstase na contorna próxima da persoa, grazas á figura dos orientadores rurais, que están presentes en todas as comarcas da provincia. De feito, gran parte do seu orzamento vai dedicado aos custos de persoal, encargado de realizar as entrevistas ocupacionais, ofrecer a orientación e intermediación laboral, xestionar as ofertas de emprego, impartir a formación, desenvolver itinerarios personalizados para a promoción da activación de busca de emprego ou facer o seguimento das persoas usuarias inseridas no mercado laboral.

Deste xeito, COGAMI desenvolve accións encamiñadas á mellora da inserción laboral das persoas con discapacidade. Faino desde o ano 1996 e nestas case tres décadas conseguiu máis de 44.000 insercións laborais de persoas con discapacidade no territorio galego.

O informe publicado no ano 2023 polo Ministerio referido ao Mercado de Traballo sinala que o colectivo con discapacidade é o que ten a taxa de contratación menor e o colectivo máis castigado polo desemprego, cunha porcentaxe de parados de longa duración do 77%. A pesar diso, no ano 2023, segundo os datos do Servicio Público de Empleo Estatal, rexistráronse un total de 7.571 filiacións de persoas con discapacidade na provincia da Coruña.