A Deputación comeza as obras de mellora da seguridade viaria nas inmediacións do Concello e da igrexa de Culleredo
Os traballos, cun investimento de 352.000 euros, servirán para renovar máis de 300 metros das rúas do Concello e de José Ramallo, nas estradas provinciais DP-3109 e DP-1705
A Deputación da Coruña iniciou as obras de mellora da seguridade viaria nun tramo da estrada provincial DP-3109 e outro da DP-1705 nas inmediacións da Casa do Concello de Culleredo. A actuación afecta a un treito de 215 metros da primeira (entre os puntos quilométricos 2+600 e 2+815), dos que 140 metros forman parte da rúa do Concello e os 75 restantes correspóndense coa rúa de José Ramallo. En canto á segunda, comprenderán os primeiros 99 metros da vía, integramente na rúa do Concello.
As obras supoñen un investimento de 352.415,78 euros e servirán para solucionar problemas actuais coma o ancho insuficiente da parte destinada ao tráfico, o deterioro do firme ou a falta de zonas de tránsito peonil seguro. Durante os traballos haberá cortes de tráfico na zona, con desvíos sinalizados.
Entre as principais actuacións que se acometerán, atópase a dotación de novos pavimentos e mobiliario urbano, a optimización das canalizacións dos servizos municipais e a configuración do entorno para darlles prioridade aos viandantes. Tal e como consta no proxecto, búscase unha humanización que obrigue aos vehículos a reducir a velocidade.
As obras contemplan a construción dunha plataforma única de pedra e formigón que unirá os edificios de vivendas, a Casa do Concello e os ámbitos da igrexa de Santo Estevo e o parque municipal de Tarrío. Tamén se mellorará a pequena praza anexa ao lavadoiro. O pavimento de lousas de pedra existente ante o Concello manterase tal como é. O desnivel actual entre beirarrúa e calzada reducirase a só 3 centímetros, mediante a sobreelevación desta última, o que suporá unha mellora da accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida e os carros de bebés.
O novo mobiliario inclúe bancos de formigón e madeira, papeleiras de fundición dúctil, unha varanda de aceiro inoxidable que substituirá á que existe agora no lugar, varios aparcabicicletas tamén de aceiro inoxidable e bolardos de 1,20 metros de altura. Nas escavas, plantaranse exemplares de carballo cun perímetro de tronco entre os 18 e os 20 centímetros. En canto ás redes de pluviais, saneamento e alumeado público, renovaranse e adecuaranse en función das necesidades actuais.
O prazo de execución previsto para as obras é de catro meses.