Estás en:Novas

As obras do estudo audiovisual virtual da Deputación na Cidade das TIC estarán rematadas a finais de ano

O presidente da Deputación visitou hoxe as obras acompañado do reitor da UDC e do responsable de servizos audiovisuais de Telefónica e afirmou que prevé que o CEI esté completamente rematado a finais deste ano

Coruña Estudo Inmersivo (CEI) contará coa tecnoloxía máis avanzada en producción audiovisual virtual e pretende situar a Galicia como unha referencia para as producións da industria audiovisual

As obras do estudo audiovisual virtual da Deputación na Cidade das TIC estarán rematadas a finais de ano

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, da vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Sonia Vázquez, e do responsable de Servizos Audiovisuais de Telefónica, Renny Rodríguez, visitou esta mañá as obras de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior plató audiovisual virtual de España, que a institución provincial está executando na Cidade das TIC da Coruña cun investimento de máis de 8,6 millóns de euros, cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España.

As obras do edificio foron adxudicadas por 2,5 millóns de euros, mentres que a parte tecnolóxica foi adxudicada a Telefónica por 6,1 millóns de euros. O CEI contará coa tecnoloxía máis avanzada do mundo en produción audiovisual virtual, que permitirá recrear calquera escenario con absoluto realismo e capacidade inmersiva.

Os responsables tanto da parte de obra civil como da parte tecnolóxica confirmaron que os traballos avanzan a bo ritmo, polo que esperan que se cumpran os prazos previstos, que permitirían ter o CEI en funcionamento a finais deste ano 2024.

Xa se están instalando as estruturas que darán soporte ao inmoble e comeza a tomar forma o patio central que separa os dous volumes claramente diferenciados que configuran o edificio. A parte máis elevada, situada ao este da parcela, conta xa cunha gran estrutura prefabricada de formigón e estanse levantando as primeiras paredes. Esta parte é a que acollerá o sistema tecnolóxico e a zona de pantallas do estudo audiovisual virtual.

"É unha boa nova que as obras estean avanzando segundo o previsto. Apreciamos un gran avance desde a última vez que estivemos aquí hai poucos meses e as previsións que nos trasladan os técnicos son que poderemos ter todo rematado e en marcha de cara a finais deste ano", afirmou Formoso tras a visita as obras.

O presidente da Deputación destacou que o CEI suporá "un posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan "España, Hub Audiovisual de Europa", destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competitividades.

"Galicia xa está hoxe á vangarda na creación de series e películas de referencia e conta con empresas líderes na industria audiovisual a nivel nacional, pero temos aínda un enorme potencial que queremos axudar a desenvolver completamente coa posta en marcha do Coruña Estudo Inmersivo", afirmou Formoso, que destacou que o CEI contribuirá a consolidar á cidade da Coruña como "un territorio idóneo e competitivo para a localización de rodaxes e producións audiovisuais de primeiro nivel".

Un edificio sustentable que integra dous espazos

O edificio queda elevado sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara á fachada sur, o que permite ventilar o forxado da planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radón. Isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen necesidade de escavar.

Como eixo desta infraestrutura disponse un patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se dispoñen dous espazos en forma de L vinculados ao plató virtual, no que se disporán os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso, sala de instalacións e almacén.

Para o deseño do edificio do CEI tamén se tiveron en conta criterios de sustentabilidade. As fachadas a sur están protexidas da radiación solar no verán, pero no inverno permiten que esta radiación incida sobre as carpinterías e axude a atemperar o interior. A orientación das diferentes estancias tamén responde a unha estratexia de aproveitamento da ventilación natural. Ademais, inclúese o uso de cubertas vexetais con Sedum, plantas autóctonas que non necesitan de mantemento e que permiten a recuperación de auga, implementando así un sistema de almacenamento e reciclaxe da auga da chuvia. Outro punto importante é o emprego de paneis fotovoltaicos que permitan satisfacer ata un 80% da demanda de electricidade dos edificios.

Tecnoloxía virtual de vangarda de Telefónica

Os responsables do proxecto estiman que durante o mes de outubro, unha vez completada parte da estrutura do edificio, procederase á instalación dos sistemas de pantallas LED, cunha gran pantalla semicircular de 28 metros de longo e 6 metros de alto e resolución 4K, así como a correspondente pantalla de teito móbil de máis de 100 metros cadrados e o sistema tecnolóxico co que se crearán fondos envolventes e dinámicos, dotados de perspectiva e profundidade. Este sistema de pantallas permite recrear con absoluto realismo e capacidade inmersiva calquera escenario real ou virtual.

A combinación dos sistemas de escenografía virtual VR/AR/XR e pantallas LED coa que contará o plató virtual posibilitarán aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detallados e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de realidade aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real. A tecnoloxía do CEI vén proporcionada por Telefónica, adxudicataria do contrato.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---