A Deputación apoia con 30.000 euros ao Banco de Alimentos de Santiago de Compostela
Valentín González Formoso e o responsable da entidade, José Pita, asinaron hoxe o convenio polo que a administración provincial achega 30.000 euros para a compra de alimentos
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o responsable do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita, asinaron hoxe un convenio polo que a Deputación da Coruña colaborará con esta entidade benéfica na compra de alimentos. No acto participou tamén a deputada de Política Social, Mar García Vidal.
A Deputación apoia economicamente ao Banco de Alimentos de Santiago con 30.000 euros para levar a cabo a adquisición de víveres de primeira necesidade destinados ás persoas en situacións especialmente vulnerables da zona sur da provincia da Coruña.
"A acción do Banco de Alimentos de Santiago contribúe a mellorar a vida de miles de persoas en situacións especialmente difíciles, polo que é máis necesario que nunca que as administracións nos impliquemos de xeito activo na medida das nosas posibilidades", afirmou Formoso.
O Banco de Alimentos de Santiago é unha organización independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado e que ten como obxectivo a consecución e o aproveitamento dos alimentos excedentarios coa intención de facelos chegar aos centros asistenciais encargados do seu reparto a familias e persoas necesitadas.
O ano pasado 25 persoas voluntarias colaboraron coas distintas campañas de recollida de alimentos e sensibilización social impulsadas polo Banco de Alimentos de Santiago.
Os alimentos recollidos proceden de donativos de empresas alimentarias na súa meirande parte. Esta entidade examina os víveres que recibe cun minucioso control de calidade, clasifícaos e almacénaos para o seu posterior reparto co fin de facer chegar en perfectas condicións de consumo os alimentos ás persoas e familias. O Banco de Alimentos está en permanente contacto coas institucións benéficas, tanto de consumo como de reparto, co fin de coñecer cales son as súas necesidades.