A Deputación comeza as obras de ampliación e mellora da estrada Galanas a Cacheiras, en Teo, nas que inviste 535.320 euros
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron o inicio das obras que afecta ao último tramo da estrada de Galanas a Cacheiras, o máis próximo á rotonda da AC-841
Os traballos teñen un prazo de execución de oito meses e servirán para crear unha variante e salvar a travesía do núcleo da Igrexa, con que se mellorará a seguridade viaria
Formoso lembrou que desde ano 2016, só a través do Plan Único, a Deputación investiu 20 millóns de euros en estradas provinciais
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, asistiron hoxe ao inicio das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial DP-8202 en Cacheiras.
"Significa unha variante que elimina as curvas da estrada durante 700 metros e unha ampliación da plataforma considerable, con 9 metros e 7 deles de calzada. É un investimento importante, que se retrasa entre permisos e actualización de prezos. Por fin temos a oportunidade de ofrecerlles aos veciños e veciñas de Teo unha mellora de seguridade viaria", apuntou o presidente provincial.
Formoso lembrou como a Deputación da Coruña fai "un esforzo importante" en Teo e no resto de concellos. "Estamos a falar que desde o ano 2016, e só a través do Plan Único, investimos máis de 20 millóns de euros. Son estradas provinciais que temos que ir mellorando porque moitas teñen máis de 200 anos", engadiu.
Pola súa banda, a alcaldesa de Teo, recoñeceu atoparse "encantada", xa que a obra "é unha mellora importantísima" para o municipio, xa que aporta "en materia de seguridade".
Formoso sinalou que Estamos a falar que desde o ano 2016 e só a través do Plan Único investimos máis de 20 millóns de euros e temos a titularidade de estradas provinciais que temos que ir mellorando, tendo en conta que a maioría son vías de máis de 200 anos".
Tal como explicou o presidente, a construción dunha variante entre os puntos quilométricos 3+500 e 4+240 vai evitar o paso da maior parte do tráfico polo núcleo da Igrexa, unha zona onde a vía actual é estreita e perigosa, e mellorar significativamente a seguridade viaria nunha zona na que era moi necesario.
A ampliación e mellora da DP-8202 conta cun importe de licitación de 561.215,62 euros e un prazo de execución é de 8 meses. As obras,que veñen de adxudicarse de novo tras a resolución do contrato anterior debido á necesidade de incluír no proxecto a construción dun pedraplén e a reconstrución manual dun muro de pedra, consistirán na creación dunha nova plataforma para a variante, do punto quilométrico 3+50 ao 4+040, e na mellora da actual onde o trazado coincide co actual. O vial disporá dun ancho de 9 metros, dos que 7 se destinarán á calzada e os outros 2 a beiravías (1 metro a cada lado).
Construiranse firmes flexibles de 46 centímetros de espesor, formados por unha capa de cascallo artificial tipo ZA 0/32 de 25 centímetros, outra de macadam bituminoso tipo M-2 de 15 centímetros, unha regadura asfáltica superficial e unha capa de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 SURF 50/70 de seis centímetros de espesor. Nas zonas onde as que o firme se apoia no existente, realizarase un reforzo cun espesor mínimo de 6 centímetros.
As drenaxes lonxitudinais solucionaranse mediante gabias tipo V de 1,2 metros de ancho e 40 centímetros de profundidade. Nas proximidades das drenaxes transversais, as cunetas revestiranse con formigón. En canto ás anteditas drenaxes transversais, executaranse con tubos de formigón con diámetros de 600 de 800 milímetros.
En canto á sinalización, a horizontal está prevista con marcas viarias de pintura branca reflexiva no eixo e nos bordos da calzada. Para a vertical, instalaranse sinais reflexivos. Tamén se contempla a colocación de barreiras de seguridade tipo bionda nos terrapléns de altura superior a 3 metros.