La Grande Chapelle abriu no Teatro Colón o Espazos Sonoros 2024
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e a directora artística do festival organizado pola Deputación, Belén Bermejo, presentaron un recital no que emocionaron a música e a poesía dos madrigais renacentistas compilados polo compositor sevillano Francisco Guerrero
"Hoxe comeza aquí un festival no que se fala de música e de patrimonio, pero que se converte nun eixo sensitivo e transversal que vai dende o eido social do territorio para primar a proximidade e a universalidade dun país que é único e poucas veces valorado; unha viaxe que pon en valor a nosa historia, a nosa economía e o noso turismo e que confirma que estamos diante dun ciclo de excepcional calidade", salientou Penas na súa intervención.
O Teatro Colón acolleu esta tarde 'Francisco Guerrero e o seu tempo. Música e poesía do Renacemento español', o concerto inaugural da cuarta edición do festival Espazos Sonoros, organizado por Patrimonio da Deputación. O deputado dese departamento, Xosé Penas, e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo, presentaron un recital no que emocionaron a música e a poesía dos madrigais renacentistas compilados polo compositor sevillano Francisco Guerrero e interpretados hoxe por La Grande Chapelle, unha das formacións de música antiga máis prestixiosas da escena internacional.
Albert Recasens dirixiu unha formación na que brillaron as voces do baixo Gabriele Lombardi, das sopranos Irene Mas Salom e Raquel Mendes e dos tenores Vincent Lièvre-Picard e Fernando Guimarães, acompañadas pola viola de Belisana Ruiz. Antes, unha conversa entre Recasens e Guillermo Fernández preparou o público para a escoita.
"Hoxe comeza aquí un festival no que se fala de música e de patrimonio, pero que se converte nun eixo sensitivo e transversal que vai dende o eido social do territorio para primar a proximidade e a universalidade dun país que é único e poucas veces valorado; unha viaxe que pon en valor a nosa historia, a nosa economía e o noso turismo e que confirma que estamos diante dun ciclo de excepcional calidade", salientou Penas no comezo da súa intervención.
O deputado louvou a labor de Belén Bermejo á fronte da dirección artística de Espazos Sonoros: "Froito deste inmenso traballo, nunca dabondo recoñecido, non só de Belén senón de toda a súa equipa, temos o resultado final que hoxe comeza aquí; un resultado que este ano nos vai levar, a través dos sentidos, polo patrimonio da provincia, dende A Coruña ata Porto de Son, pasando por Padrón, Ferrol, Malpica ou Camariñas e promovendo tamén proxectos que agora mesmo temos en marcha na Deputación, coma o Parque da Idade de Ferro, as baterías da costa de Ferrol ou o Xeoparque do Cabo Ortegal".
Para o deputado, "sensibilidade, contemplación, admiración e espectacularidade van collidos da man" da "espectacular" programación dun ciclo do que o Teatro Colón merecía ser parada: "En todos estes anos tiñamos pendentes un lugar, un lugar moi especial, polo que significa para a Deputación, para esta cidade e para este país, o Teatro Colon, espazo cunha inmensa historia detrás". "Porque", engadiu, "se inaugurar un festival coma Espazos Sonoros sempre é un pracer, facelo hoxe aquí, neste escenario e con La Grande Chapelle, convértese nunha experiencia única".
Penas referiuse tamén a colaboración que Espazos Sonoros terá nesta edición con outros festivais, coma o co ViertelBarock, de Viena, "unha colaboración que agardamos poida ser o comezo de moitas outras que sirvan aínda máis para dar a coñecer o noso patrimonio por todo o mundo".
Espazos Sonoros fará a súa próxima parada na igrexa de Santiago de Mens, en Malpica, o domingo 8 de setembro, ás 18 horas, con entrada de balde, como en todos os concertos do ciclo. Na web www.espazossonoros.org poderanse consultar o programa completo e as actividades paralelas, para as que é preciso facer inscrición previa.