A iniciativa LAB LGBTIQ+, apoiada pola Deputación da Coruña, traballará nas comunidades educativas para concienciar sobre o respecto á diversidade sexual
A primeira edición terá lugar en media ducia de concellos de Ferrolterra
A ferramenta conta cunha axuda da institución provincial a través da liña de concorrencia competitiva para Programas en Igualdade de Xénero do ano 2024
A iniciativa LAB LGBTIQ+, apoiada pola Deputación da Coruña, comezará a funcionar nas comunidades educativas para concienciar sobre o respecto á diversidade sexual aos estudantes. Dito programa, desenvolvido pola cooperativa galega Rexenerando, conta cunha axuda da Deputación da Coruña a través da liña de concorrencia para Programas en Igualdade de xénero no ano 2024 e desenvolverase nesta primeira edición en media ducia de concellos de Ferrolterra.
O plan foi presentado esta mañá no Concello de Fene, unha das institucións municipais implicadas na aplicación deste programa. No acto estivo presente a deputada de Igualdade, Soledad Agra Tuñas, e representantes dos seis municipios en cuestión.
Esta ferramenta implicará activamente a entidades como AVANTE LGBT+ Ferrolterra, ARELAS, Asociación de familias de menores Trans*, o Colectivo Agrocuir da Ulloa, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia ou o Club de lectura Queeruña, das Bibliotecas Municipais da Coruña. Todas estas figuras traballarán a prol do obxectivo final: a procura dunha xeración de redes, dentro da propia comunidade escolar, con outros axentes locais, e con colectivos supramunicipais que poden fornecer apoio ou recursos máis especializados.
Así, o Laboratorio de Apoderamento LGBT+ (LAB LGBT+) articularase como un programa de carácter social, que busca sensibilizar as comunidades locais no respecto á diversidade sexual, traballando de maneira específica coa mocidade.
Farase a través de ofrecemento dun servizo estable, que apoie a xeración de espazos de calidade e redes nas vilas e pequenas cidades galegas, promovendo o apoderamento e o prototipado de accións entre pares para a transformación social.
A creación dunha rede de docentes interesados, a formación sobre diversidade sexual para estudantes e familias, os obradoiros de apoderamento LGBT+ con mocidade ou a constitución dun grupo motor en cada localidade co alumnado interesado en continuar este traballo serán algunhas das vías de actuación dun programa que terá un acto de presentación de resultados con todos os axentes implicados.