O pleno da Deputación da Coruña aproba investimentos por máis de 758.000 euros en estradas de Valdoviño, Toques e Sobrado
A ampliación da DP 2502 en Vilaboa (Valdoviño) suporá un investimento de 420.879 euros, dos que algo máis de 36.000 € se destinarán a expropiacións de terreos necesarios para as obras
Tamén se aprobou a mellora de 4,5 quilómetros da estrada DP 4604 entre Toques e Sobrado dos Monxes, cun investimento de 337.853 euros
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe investimentos por importe de máis de 758.000 euros en estradas provinciais dos municipios de Valdoviño, Toques e Sobrado.
En Valdoviño, aprobouse o proxecto técnico de ampliación e mellora seguridade da estrada DP 2502 en Vilaboa, que suporá un investimento de 420.879 euros, dos que algo máis de 36.000 € se destinarán a expropiacións dos terreos necesarios para a ampliación da plataforma da calzada .
A plataforma da estrada ampliarase para conseguir un ancho total de 8,25 m., con dous carrís de 3 metros de ancho en cada sentido de circulación, unha pequena beiravía exterior esquerda de 25 cm de ancho e unha beiravía exterior dereita de 2 metros de ancho que permitirá o tránsito seguro de peóns. A beiravía transitable executarase cunha capa de rodaxe con formigón hidráulico coloreado para distinguilo do resto da plataforma, priorizando o uso de cores que se integren co medio no que se implantará a obra.
A sinalización da estrada realizarase completa, tanto a sinalización horizontal coma a vertical. Ademais, colocaranse varios redutores de velocidade tipo lombo de asno ó longo do tramo. Antes do inicio das obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, realizaranse as expropiacións de terreos necesarias.
Mellora do firme da DP 4604 entre Toques e Sobrado
Por outra banda, a Deputación deu tamén luz verde a un investimento de 337.853 euros para a mellora dun tramo de 4,5 quilómetros na estrada provincial DP 4604, que conecta os municipios de Toques e Sobrado dos Monxes.
A actuación comezará no PQ 12+000 e remata no PQ 16+450. Como consecuencia dos efectos climáticos do pasado inverno observouse un deterioro importante da capa de rodaxe en diferentes tramos desta estrada. As obras consisten en saneos puntuais da capa superficial nunha superficie aproximada de 560,000 m2 e posterior dotación dunha capa de rodaxe nunha superficie de 26.290,500 m². Dita capa estará constituída por unha mestura asfáltica en quente tipo AC 16 SURF 60/70 S de cinco (5) centímetros de espesor. Posteriormente sinalizaranse os tramos de actuación dotándoos de marcas viais con pintura acrílica en base acuosa para conformar tanto o eixo como as bandas laterais de calzada. Así mesmo complementarase con sinalización vertical para a mellora da seguridade vial de todo o tramo.
O prazo de execución destes traballos é de tres meses.