A Deputación inicia os trámites de expropiación para as obras de ampliación e mellora da estrada DP 3903, entre Irixoa e Vilarmaior
As obras supoñen un investimento de preto de un millón de euros e permitirán ampliar un tramo da estrada de 4 a 8 metros de ancho
Os veciños propietarios dos terreos están citados o día 15 de outubro na Casa do Concello de Irixoa e o 16 de outubro no Concello de Vilarmaior
O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar o anuncio do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos dos 75 predios afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade da estrada provincial DP 3903 de Adragonte a Vilamateo por Ambroa, nos termos municipais de Irixoa e Vilarmaior.
Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados o día 15 de outubro na Casa do Concello de Irixoa e o 16 de outubro no Concello de Vilarmaior.
O proxecto supón un investimento de máis de 962.0000 euros, dos que 899.963 € corresponden ao financiamento das obras e os restantes 62.285 € destinaranse ás expropiacións necesarias para a súa execución.
As obras terán lugar nun tramo de preto de 2 quilómetros que vai do PQ 4+640 ao PQ 6+490, que corresponde á saída do núcleo de Vilamateo, onde a estrada provincial xa dispón de calzada ampliada e beirarrúas ao longo do núcleo.
Os traballos permitirán ampliar a plataforma da calzada actual, que conta con apenas 4 metros de ancho, o que dificulta o cruce de dous vehículos en condicións de seguridade, ata os 8 metros de ancho, con carrís de 3,5 metros en cada sentido de circulación e beiravías laterais de medio metro.
No proxecto inclúese a substitución de dúas obras de drenaxe transversal nos PQ 6+140 e PQ 6+380 ao paso de dous regatos por marcos de formigón armado e a mellora da intersección coa vía municipal existente á altura do PQ 6+100, onde tamén se realizará unha mellora puntual do trazado.
A nova estrada pavimentarase con mestura bituminosa en quente sobre base de zahorra. As obras teñen un prazo de execución de 6 meses a partir do seu inicio.