Estás en:Novas

A Deputación celebra os Días Europeos do Patrimonio con visitas guiadas, nocturnas e máis actividades

As XEPDAC (Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña) celébranse do 1 ao 6 de outubro en diferentes espazos patrimoniais da provincia

Para participar nas actividades é necesario inscribirse nun formulario que estará habilitado en dacoruna.gal/patrimonio a partir do xoves 26 ás 17h

A Deputación celebra os Días Europeos do Patrimonio con visitas guiadas, nocturnas e máis actividades

Do 1 ao 6 de outubro o patrimonio provincial vivirá diferentes actividades no marco da celebración dos Días Europeos do Patrimonio. Visitas guiadas, contos, música, xogos, astronomía e rutas nocturnas completan o programa da primeira edición de XEPDAC, as Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña. "Este ano unímonos á acción cultural conxunta dos 50 estados asinantes da convención cultural europea para poñer en valor todo o patrimonio" sinalou o deputado de contratación e patrimonio, Xosé Penas. "Será a primeira vez que nos 200 anos de historia desta institución formemos parte deste gran proxecto común", engadiu.

Este ano, o lema deste evento internacional, impulsado conxuntamente pola Unión Europea e o Consello de Europa, son as "Rutas, redes e conexións". Por iso, o marco da rede de patrimonio da Deputación e os proxectos de Parques Arqueolóxicos serán as patas principais dunha celebración que durante toda semana se distribuirá xeograficamente por toda a provincia. "Estas xornadas son un argumento máis para abrir as portas á cidadanía de todos os nosos elementos patrimoniais", apuntou o deputado, "para dar a coñecer os proxectos que se están a desenvolver e para partillar a experiencia e a aprendizaxe da contemplación do que representa o patrimonio da nosa historia común propia e a compartida cos membros da Unión Europea".

Visitas guiadas ao patrimonio provincial
O programa comeza simbolicamente o martes 1 de outubro no Pazo Provincial da Coruña, abrindo as súas portas ao público con visitas guiadas durante toda a mañá e tarde (11, 12, 13, 17, 18 e 19h.) Poderase descubrir a súa historia desde a súa orixe como hotel, os segredos que agocha, incluída a súa terraza con magníficas vistas sobre a cidade. A visita inclúe un percorrido polo Teatro Colón.

O mércores e o xoves haberá actividades destinadas ao alumnado local, para que gocen unha mañá do seu patrimonio, ao tempo que aprenden sobre a súa propia historia. O mércores 2, as Torres de Altamira (Brión) acollen o espectáculo de Brais das Hortas "Contos para Caghar Patatillas"; e o xoves 3 os Batáns e Muíños do Mosquetín (Vimianzo) serán lugar para descubrir novos xeitos de divertirse coa Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Actividades nos parques arqueolóxicos impulsados pola Deputación
A fin de semana estará centrada en descubrir os tres parques arqueolóxicos que está a impulsar a Deputación en diferentes comarcas galegas.
O venres, visitaranse tres estacións emblemáticas do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre: o Castriño de Conxo (Santiago de Compostela) ás 13 e ás 17h, e unha ruta nocturna especial ás 21h aos petróglifos de Peneda Negra e Monte Castelo (Ames) co Colectivo A Rula, unha asociación referente na defensa destes gravados prehistóricos.

O sábado 5 será a quenda do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, coa visita a tres antas destacadas de cada comarca: Dombate (Cabana de Bergantiños) ás 11 e 12h; Pedra da Arca (Vimianzo/Dumbría) ás 13 e 17h e a Mina da Parxubeira (Mazaricos) ás 18 e 19h.

O terceiro parque a descubrir será o da Idade do Ferro, no Barbanza. Haberá visitas guiadas aos castros de Neixón (Boiro) ás 11 e 13h; Baroña (Porto do Son) ás 12 e 18h e A Cidá (Ribeira) ás 17 e 19h.

Contemplación nocturna no mosteiro de Caaveiro
Por outra banda, unha actividade excepcional será a da noite do sábado 5 cunha contemplación nocturna do ceo no corazón das Fragas do Eume, no mosteiro de Caaveiro, un lugar sen apenas contaminación luminosa. Como en todas as actividades, esta Noite de astronomía require de reserva previa.

A asistencia ás diferentes actividades é gratuíta e require de reserva previa, a través da web dacoruna.gal/patrimonio. As reservas abriranse a partir deste xoves 26 de setembro ás 17h.