Estás en:Novas

O pleno da Deputación aproba máis de 416.000 euros en investimentos de mellora en estradas provinciais de Cedeira, Narón e Ferrol

Renovarase o firme da estrada de acceso á Ermida da Nosa Señora de Chamorro en Ferrol, construirase unha senda peonil na DP 5401 de Narón a Río do Pozo e mellorarase a estrada DP 2201 en Cedeira

O pleno aprobou tamén incrementar en 116.653 euros o orzamento do proxecto de ensanche e mellora da DP 7804 en Santiago de Compostela, que terá un orzamento total de 1.284.721 euros

O pleno da Deputación aproba máis de 416.000 euros en investimentos de mellora en estradas provinciais de Cedeira, Narón e Ferrol

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe catro investimentos na rede provincial de estradas por importe de máis de 1,8 millóns de euros, que servirán para mellorar a seguridade en estradas de titularidade provincial nos concellos de Cedeira, Narón, Ferrol e Santiago de Compostela.

Mellora da capa de rodaxe na DP 3601 en Ferrol

O pleno da Deputación deu luz verde a un investimento de 120.002 euros para mellorar a capa de rodaxe da estrada provincial DP 3601, que dá acceso á Ermida da Nosa Señora de Chamorro, no municipio de Ferrol.

Proxéctase unha mellora da capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura asfáltica en quente de cinco centímetros de espesor. Do mesmo xeito, rozaranse previamente cunetas e taludes, e o proxecto finalizará coa reposición de símbolos viarios e marcas do eixe da estrada.

O proxecto ten un prazo de tres meses para a súa execución.

Mellora do firme na DP 2201 en Cedeira

O pleno aprobou tamén o proxecto de mellora da capa de rodaxe de 2,4 quilómetros de treito na estrada DP 2201, no termo municipal de Cedeira, que suporá un investimento de 158.989 euros.

As actuacións comezarán no punto quilométrico 4+200 e rematarán no punto quilométrico 6+400, mediante a aplicación dunha capa de rodaxe que se estenderá a todo o largo da vía e as súas beiravías. Esta capa estará constituída por unha mestura asfáltica en quente de cinco centímetros de espesor. Previamente procederase a rozar as cunetas e taludes, e rematarase coa reposición das marcas viarias do eixe da estrada e os símbolos.

O prazo de execución desta obra é de tres meses.

Creación dunha senda peonil na DP 5401 en Narón

Tamén se aprobou hoxe a construción dunha senda peonil de 800 metros na estrada DP 5401, no municipio de Narón. Cun investimento de 245.339 euros, esta senda executarase na marxe dereita da vía, entre o punto quilométrico 2+700 e o punto quilométrico 3+500, e contará cunha pavimentación con mestura asfáltica en quente cunha anchura media de dous metros, coa colocación previa de colectores de augas pluviais.

O prazo para executar a senda é de cinco meses.

Reforma do proxecto de ensanche e mellora da DP 7804 en Santiago de Compostela

Por último, o pleno aprobou a ampliación do orzamento do proxecto de ensanche e mellora do firme da estrada DP 7804, no concello de Santiago de Compostela. Cos cambios xa aprobados, súmase un novo investimento de 116.653 euros, para alcanzar un importe total de 1.284.721 euros.

Unha vez iniciados os traballos de movemento de terras na zona de execución, que abarca os puntos quilométricos 18+690 a 22+223, comprobouse que os servizos municipais de abastecemento e saneamento impiden a correcta execución das obras de drenaxe proxectadas, e ademais sería preciso repoñer algunha destas instalacións que quedarían descolgadas. Ademais, engadiuse ao proxecto o acondicionamento de accesos a propiedades particulares, camiños municipais e un novo tramo de senda.

O prazo de execución destes traballos é de sete meses.