Estás en:Novas

A Deputación organiza actividades divulgativas e deportivas para celebrar o segundo aniversario da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle

Cerceda acolle o xoves unhas xornadas nas que se explicará o impacto turístico e económico da Vía Verde no territorio e responsables doutras Vías Verdes en España contarán as súas experiencias de éxito

O 19 de outubro, a Deputación organiza a I Carreira Camiños da Vía Verde, que xa conta conta con máis de 300 persoas inscritas

A Deputación organiza actividades divulgativas e deportivas para celebrar o segundo aniversario da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle

Con motivo do segundo aniversario da posta en marcha dos tramos da Vía Verde entre Cerceda e Oroso, a Deputación da Coruña organiza durante este mes distintas actividades culturais, divulgativas e deportivas que contribuirán a dinamizar esta ruta.

Con 26 quilómetros de lonxitude a través dos concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é a día de hoxe a maior Vía Verde de Galicia, e crecerá aínda máis cos 10 quilómetros do tramo de Santiago de Compostela, cuxas obras se iniciaron o pasado mes de setembro e prevese que estean completadas ao longo de 2025, marcando un novo fito coa conexión da capital de Galicia.

Para explicar o impacto turístico, social e económico da Vía Verde, a Deputación da Coruña organiza o xoves, 3 de outubro, no albergue da estación de Cerceda unha xornada baixo o título "Da vía férrea á Vía Verde", na que participará a directora da Asociación Europea de Vías Verdes, Mercedes Muñoz e a xerente das Vías Verdes na Fundación Española de Ferrocarriles, Arantxa Hernández, entre outros relatores.

Ademais, os responsables das vías verdes de Montes de Hierro (Vizcaya) e Plazaola (Navarra) explicarán as súas experiencias de éxito no eido da promoción turística e a mobilidade sustentable nos seus territorios.

Carreira da Vía Verde o 19 de outubro

A Vía Verde será tamén protagonista, o vindeiro 19 de outubro, da I Carreira Camiños da Vía Verde, unha proba de atletismo en ruta que organiza a Deputación da Coruña en colaboración coa Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e o Club Atletismo Tambre.

O evento está deseñado para a participación de todos os públicos, polo que constará de diferentes probas e distancias. Haberá unha carreira de 10 quilómetros, outra de 2 quilómetros e unha de 1 quilómetro. Para os máis pequenos a distancia será de 400 metros. E, por outra banda, terá lugar unha atractiva andaina popular de cinco quilómetros en ruta.

Máis de 300 persoas inscribíronse xa na carreira. A inscrición é gratuíta e permanece aberta na web www.carreirasgalegas.com.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, lembrou o "gran potencial turístico e ambiental da maior Vía Verde de Galicia, e ademais un escenario idóneo para a unha proba deportiva coma esta, pensada para facela accesible a todos os públicos e idades".