A Deputación da Coruña dará luz verde no pleno deste mes ao tramo compostelán da Vía Verde
Formoso explica que o tramo de Santiago divídese en dúas fases, terá unha lonxitude de 10 quilómetros e suporá un investimento total de 1,6 millóns de euros para completar "a maior Vía Verde de Galicia"
A súa execución concluirá o sendeiro ciclable de 36 quilómetros que transcorre polos municipios de Cerceda, Tordoia, Ordes, Oroso e Santiago
"En poucos anos vai ser posible percorrer a distancia que separa A Coruña de Santiago de Compostela a través da Vía Verde", afirmou Formoso
O PSTD da Vía Verde é un dos catro proxectos de turismo sostible impulsados desde a Deputación en 22 concellos cun investimento de 6 millóns de euros
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de presentación do Plan de Sostibilidade Turística da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle xunto co vicepresidente provincial, Xosé Regueira, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones e o presidente da Asociación de concellos da Vía Verde, Antonio Leira.
Ao evento acudiron tamén os alcaldes dos municipios polos que xa discorre a Vía Verde, Juan Manuel Rodríguez, de Cerceda; Antonio Pereira, de Tordoia, e Luís Rey, de Oroso. Non puido asistir o alcalde de Ordes, José Luís Martínez.
Alí o dirixente provincial anunciou que esta primavera darán comezo as obras tramo compostelán da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que agora xa conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, e con esta nova actuación completará o seu treito ata Santiago de Compostela. "Na actualidade xa é a máis longa de Galicia, con 26 quilómetros, e con esta nova ampliación ata a capital galega chegará ata os 36 quilómetros", explicou Formoso.
O presidente destacou na súa intervención que "facer este proxecto realidade é posible grazas á colaboración entre as diferentes administracións: Goberno de España, Deputación da Coruña e concellos" e avanzou que o pleno provincial do mes de febreiro dará luz verde á encomenda de xestión do primeiro tramo da Vía Verde en Compostela, que irá desde a entre a Estación da Sionlla ata o PQ 2+200 e terá un custo de 800.000 euros, dos que 500.000 euros serán achegados pola Deputación e 300.000 euros polo Concello de Santiago. A aprobación no pleno permitirá que a Deputación licite as obras de maneira inmediata, polo que a súa execución podería comezar esta primavera.
A segunda fase do tramo compostelán, que vai desde o PQ 2+200 ata o PQ 10+200 onde conecta coa Vía Verde xa está en funcionamento, en Sigüeiro, suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados pola PSTD Vía Verde, 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago. Actualmente a Fundación Ferrocarriles Españoles está adaptando o proxecto, seguindo a mesma liña que nos restantes tramos.
En total, explicou Formoso, o tramo compostelán sumará 10 quilómetros e suporá un investimento de 1,6 millóns de euros.
"Compostela vai poder ofertar unha alternativa de turismo sostible coa creación desta senda, que ofrece unha sensibilidade co medio natural que hoxe é fundamental á hora de falar de turismo" engadiu o presidente."Na actualidade xa hai moitos negocios nos concellos polos que pasa esta Vía Verde que funcionan grazas á súa creación, que ven con moi bos ollos a continuidade deste proxecto, e que coa finalización deste tramo van a seguir medrando", engadiu.
Outro dos obxectivos, explicou o presidente da Deputación é que, "en poucos anos, vai a ser posible percorrer a distancia que separa A Coruña de Santiago de Compostela a través da Vía Verde".
Para o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "é unha ledicia ver como esta Vía Verde vai ser unha realidade" e sinalou que "desde o Concello de Santiago levamos moito tempo traballando na execución deste tipo de sendas, xa que repercuten de xeito moi positivo na saúde e na calidade de vida dos cidadáns". "Nos últimos meses puxemos en marcha dúas grandes rutas con 133 quilómetros de sendas peonís, nunha rede que xa acada os 300 quilómetros dentro do municipio de Santiago", explicou.
A Deputación impulsa 4 proxectos de turismo sostible
O Plan de Sostibilidade Turística (PSTD) da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é un dos catro proxectos que se impulsan desde a Deputación da Coruña, que involucran a 22 concellos da provincia e cun investimento próximo aos 6 millóns de euros a través dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España (Next Generation), que xunto con este sendeiro son Os Fogóns do Anllóns, o Xeoparque do Ortegal e as Fragas do Eume.
En referencia ao PSTD da Vía Verde, o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, afirmou que "a Deputación leva traballando moitos anos na realización de plans turísticos de calidade, non de cantidade, que buscan preservar o territorio a través da sostibilidade".
"Na actualidade impulsamos catro proxectos cohesionados que buscan este tipo de turismo de futuro e que pretenden ser unha oportunidade para a xente dos municipios polos que transcorre e un incentivo para que a xente se estableza no rural", engadiu Regueira.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, aclarou que "grazas a o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España pódense realizar este tipo de proxectos, que permiten que moitos municipios poidan facer realidade moitos plans que teñen nun caixón agardando á chegada de fondos que os faigan realidade.
Miñones destacou que a Deputación da Coruña leva tempo traballando en plans turísticos sustentables, polo que "non é casualidade" que xestione estes catro importantes proxectos que suman máis de 6 millóns de euros.
Pola súa banda, o deputado de Economía e Facenda e presidente da Asociación de concellos da Vía Verde, Antonio Leira, quixo "agradecer aos concellos todas as facilidades postas para levar a cabo este ambicioso proxecto e desenvolvelo, así como tamén a súa colaboración á hora de implementar o Plan Turístico, que sen dúbida vai ser un gran avance para o desenvolvemento económico de todos os concellos polos que pasa esta Vía Verde".
O PSTD da Vía Verde, cun orzamento d 1,4 millóns de euros, inclúe entre outras accións, a instalación de fontes e puntos de autorreparación de bicicletas, a elaboración dun plan de sombras nas áreas de descanso, con instalación de pérgolas axardinadas; un plan de impulso aos mercadillos (feiróns) de produtos locais, a elaboración dun mapa virtual con recursos vinculados ao turismo gastronómico e desenvolvemento de apps dixitais para coñecer a historia e a gastronomía da zona e un plan de formación para empresarios do sector da hostalaría e o turismo da zona, entre outras.