A Deputación inaugura a senda ZEC, máis de 26 quilómetros de ruta ciclable que discorre polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral
Formoso destaca "a importante aposta da Deputación para impulsar un novo modelo de mobilidade sostible na provincia", coa construción de máis de 130 novos quilómetros de vías ciclistas
Setecentas persoas participaron, a pé ou en bici, na ruta inaugural este domingo
A nova ruta bordea o encoro de Cecebre e discorre por un dos espazos naturais de referencia na provincia, en pleno corazón da Reserva da Biosfera
A Deputación da Coruña inaugurou este domingo a nova senda ZEC, 26,5 quilómetros de rutas para camiñar ou andar en bici que discorren polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo, e Carral, bordeando o encoro de Cecebre, nun dos espazos naturais de referencia na provincia.
Máis de 700 persoas participaron na ruta inaugural, que partiu a primeira hora da mañá do pavillón de Guísamo, en Bergondo, e rematou no Campo da Feira de Carral. Entre elas, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o deputado de Transición Ecolóxica e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, a deputada de Deportes, Cristina Capelán, e as alcaldesas e alcaldes dos municipios polos que discorre a nova senda Alejandra Pérez (Bergondo), María Barral (Betanzos), José Antonio Santiso (Abegondo) e Carral, Javier Gestal.
Tres tramos con máis de 2,1 millóns de euros de investimento
O proxecto da 'Senda ZEC' supuxo un importante investimento de 2.150.688 euros, cofinanciado con fondos propios da Deputación da Coruña e fondos europeos FEDER a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Goberno de España.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que "esta ruta permite percorrer en bicicleta ou a pé algúns dos espazos naturais de referencia na provincia da Coruña, en pleno corazón da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".
Un novo modelo de mobilidade sostible na provincia
Formoso destacou que a Senda ZEC "é un novo exemplo de colaboración institucional, coa participación activa dos concellos de Bergondo, Betanzos, Abegondo e Carral e o importante apoio económico do Goberno de España" e subliñou que a ruta "é un paso máis na importante aposta que está facendo a Deputación para impulsar un novo modelo de mobilidade sostible na provincia, con importantes proxectos coma este, que permite dar continuidade á Rede Ciclista Metropolitana da Coruña; ou a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a de maior extensión de Galicia".
O presidente desatou o potencial destas sendas "para conectar o rural, favorecer a práctica do deporte e dinamizar o turismo" e subliñou que o impulso da Deputación supuxo a creación de 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses nos últimos anos.
O delegado do Goberno, José Miñones, incidiu no apoio do Goberno de Pedro Sánchez ás entidades locais de Galicia e concretou que a Deputación da Coruña conta cun total de 11 proxectos financiados polo Ministerio para Transición, que superan os 7 millóns de euros con impacto en 19 concellos. Nese sentido, agradeceu a contribución municipal: "A colaboración e cooperación entre administracións lévanos leva a mellorar a vida das nosas veciñas e os nosos veciños", valorou.
José Miñones remarcou que a mobilidade ciclista é prioritaria para o Goberno e que a Estratexia Estatal pola Bicicleta xunta neste proxecto a mobilidade sostible coa vontade do Goberno por apostar polos concellos galegos e dinamizar o rural.
A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, agradeceu "á Deputación da Coruña que se involucrase neste proxecto, que é posible grazas aos fondos europeos derivados polo Goberno do Estado e que naceu da man dese ente tan activo do que temos a sorte de formar parte, como é a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e particularmente do empeño do seu presidente, José Antonio Santiso Miramontes". "Grazas a todos porque sen a vosa achega hoxe non estaríamos aquí inaugurando esta fermosa iniciativa", afirmou.
Tanto Valentín Formoso coma Alejandra Pérez expresaron nos seus discursos o apoio aos pais e nais do alumnado do CPI Cruz do Sar de Bergondo, que aproveitaron a marcha para reivindicar máis persoal docente na escola con camisetas e pancartas verdes co lema "Na cidade e no rural, educación por igual".
Coexistencia de peóns e ciclistas
O novo carril bici discorre en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas, rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns e ciclistas compartirán ditos camiños, polo que a Deputación acometeu diferentes actuacións que permiten compatibilizar esa coexistencia a través de renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.
A ruta, dividida en tres tramos, discorre en gran parte arredor da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar ata Carral, discorrendo por núcleos de poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para rematar no monumento aos Mártires de Carral.