Estás en:Novas
Exposición

1984, o futuro é agora?

Cumpríronse 75 anos da publicación de "1984", a novela distópica de George Orwell, considerada unha das obras máis influentes do século XX. A Biblioteca Provincial da Coruña quere conmemorar este aniversario coa organización dunha mostra bibliográfica.

1984, o futuro é agora?

Estamos máis próximos que nunca de 1984, a fantasía distópica de George Orwell, tan só 40 anos despois?

75 anos cumpríronse da publicación de 1984, considerada unha das novelas máis destacadas de George Orwell e unha das obras máis influentes do século XX. A súa representación antiutópica do futuro e a creación do concepto do «Gran Irmán» como sistema vixiante omnipresente, permanecen moi presentes na sociedade actual, onde as innovacións tecnolóxicas teñen un gran protagonismo.

A Biblioteca Provincial da Coruña quere celebrar este aniversario organizando a mostra bibliográfica "1984, o futuro é agora?", co fin de achegar ás persoas usuarias unha selección de obras que reflictan a traxectoria vital e literaria de George Orwell, o proceso creativo que deu lugar a este escrito, e a repercusión e vixencia de ambos, o autor e a súa distopía.

Ao longo de sete vitrinas exhíbense diversos materiais que ofrecen un percorrido por diferentes aspectos desta figura da literatura e da súa novela:

  • a vitrina 1 presenta ao autor, George Orwell, a través de textos biográficos, de crítica e interpretación das súas obras, de análise do seu pensamento político ou galardoados co premio que recibe o seu nome.
  • a vitrina 2 amosa unha escolla dos escritos de Orwell e das súas adaptacións, cos que contan as coleccións da Biblioteca Provincial.
  • a vitrina 3 aborda as orixes da novela, expoñendo as obras que a influenciaron, e outras que examinan acontecementos que levaron ao autor á súa creación, especialmente a Guerra Civil Española e o triunfo dos totalitarismos en Europa.
  • a vitrina 4 céntrase na propia distopía, exhibindo diferentes edicións e adaptacións da mesma, xunto con creacións doutras autorías que se viron influenciadas por Orwell ou 1984.
  • a vitrina da Sala César Antonio Molina ofrece unha visión sintética do conxunto da mostra, mediante obras que forman parte da Biblioteca César A. Molina - Mercedes Monmany, custodiada na Biblioteca Provincial.
  • a vitrina 6 ocúpase do concepto do «Gran Irmán» e as súas vinculacións á sociedade actual, por medio de materiais que se aproximan a temas como a espionaxe, a manipulación, a vixilancia...
  • a vitrina 7 tamén trata o concepto do «Gran Irmán» pero desde outra perspectiva, atendendo ás súas conexións con diversas obras de ficción posteriores.

A mostra bibliográfica está situada no vestíbulo da Biblioteca Provincial e pode visitarse durante o seu horario de apertura:

De luns a venres de 8:30 a 20:30h
Sábados (dende 19/10) de 9 a 14h

Guía de lectura da exposición: 1984 Guía de lectura.pdf