Os faladoiros 'As Discordantes' botan a andar en Betanzos este xoves, Día Mundial da Saúde Mental
Así o anunciaron esta mañá a deputada de igualdade, Soledad Agra, e a coordinadora do proxecto, Antía Yáñez
As charlas percorrerán sete concellos da provincia entre finais de 2024 e comezos de 2025
As Discordantes pretende abrir un espazo de debate e reflexión arredor do xénero e a saúde mental coa xornalista Cláudia Morán, a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro e a escritora Antía Yáñez
Os faladoiros sobre xénero e saúde mental As Discordantes botan a andar en Betanzos este vindeiro 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, no Salón Azul do edificio O Liceo de 17:30 a 19:30 horas. Este proxecto configúrase como un espazo de debate e reflexión arredor da saúde mental e o xénero para achegar estes temas á cidadanía. Así o anunciaron esta mañá a deputada de igualdade, Soledad Agra e a coordinadora do proxecto e escritora, Antía Yáñez.
"Este proxecto enmárcase no noso plan de igualdade, co que queremos chegar a todos os concellos da provincia" sinalou a deputada. "Comunicación, saúde mental e perspectiva de xénero son temáticas transversais, que é fundamental abordar, especialmente nos concellos máis rurais. Por iso, nesta ocasión, queremos achegar este debate a 7 municipios da man de persoas referentes como é Antía Yáñez", engadiu. "As discapacidades mentais son unha problemática moi importante que está moi invisibilizada, unha das máis grandes que temos na saúde pública, que incide máis nas mulleres que nos homes".
Pola súa parte, Antía Yáñez agradeceu á Deputación "a acollida desta proposta cos brazos abertos". Unha proposta que nace "non so para informar senón tamén para tecer redes de apoio e dicirlles ás mulleres da provincia que non están soas". Explicou, ademais, que o nome As Discordantes fai referencia a esa percepción da saúde mental, "porque moitas veces a xente con problemas mentais é vista como fóra do grupo; unha visión que contribúe a visión sesgada. As representacións que destas cuestións se fan no ámbito cultural non axudan á hora de amosar as realidades que hai detrás dun diagnóstico de patoloxía mental, máis se se é muller". Nese sentido, puntualizou que o obxectivo dos faladoiros é "ofrecer un ámbito de información e escoita activa aos é ás asistentes, sen caer nos maniqueísmos nin na estigmatización".
As discordantes, organizado pola Deputación da Coruña, percorrerá sete vilas da provincia entre finais do 2024 e comezos de 2025. O primeiro deles, este xoves en Betanzos.
Coordinados por Antía Yáñez, autora de Non penses nun elefante rosa, onde aborda a saúde mental cun toque de humor negro, as relatoras ofrecerán as súas visións e experiencias no ámbito da literatura, a comunicación e a saúde. No caso de Betanzos, as profesionais que a acompañarán serán Cláudia Morán e Rosa Cerqueiro.