A Deputación apoia a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron hoxe un convenio de cofinanciamento polo que a institución provincial achegará 80.000 euros
A Deputación da Coruña achegará este ano 80.000 euros para o cofinanciamento en 2024 do 'Plan de acción' de apoio á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco. O vicepresidente Xosé Regueira e o alcalde José Manuel Rey asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial se fará cargo do 80 por cento do orzamento do plan.
A Deputación tivo moi en conta para firmar o acordo o interese por defender o Valor Universal Excepcional de Ferrol, cun plan que ten obrigatoriamente que incidir no aspecto de concienciación, complicidade e participación da cidadanía ferrolá na importancia do proxecto, e na posta en valor da súa historia e o seu patrimonio, a través de accións que teñan presente sostibilidade económica e ambiental e esa participación cidadá.
"Cremos", explicou Regueira, "que Ferrol é a gran xoia oculta da provincia e que ten todos os ingredientes para presentar unha candidatura moi potente e converterse en Patrimonio Mundial". "Iso", engadiu, "sería magnífico non só para Ferrol, senón para a totalidade da provincia e do turismo da provincia, así que Deputación vai seguir aí, como leva xa tantos anos facendo con outras iniciativas, colaborando para que Ferrol teña a mellor candidatura para lograr esa distinción mundial que merece".
José Manuel Rey defendeu a colaboración entre as institucións "para asumir retos importantes" e agradeceu a colaboración económica da Deputación "para un proxecto que nos supera e que é tan ambicioso". "Trátase", dixo, "dun proxecto no que levamos moito tempo traballando, da man da Deputación, así que agora o que nos queda é que ese esforzo dea resultados e poidamos recibir as boas novas".
Se conseguise a distinción, Ferrol sumaríase —sería o quinto— á lista bens declarados Patrimonio Mundial pola Unesco en Galicia, na que están Cidade Vella de Santiago, a Muralla Romana de Lugo, os Camiños de Santiago de Compostela e a Torre de Hércules. Ademais, desde fins de novembro de 2018, a Unesco recoñecía como Patrimonio Cultural Inmaterial a pedra en seco, unha técnica de construción tradicional na nosa comunidade.