A Deputación da Coruña completa un investimento de 1,5 millóns de euros nas obras de mellora da estrada DP-1105, que conecta Noia, Lousame e Boiro
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, supervisaron o resultado da última fase das obras, que renovaron o firme de 13 quilómetros dunha estrada "fundamental para a vertebración das comunicacións da comarca"
A Deputación da Coruña vén de completar un investimento de 1,5 millóns de euros nas obras de renovación do firme e mellora da seguridade viaria da estrada provincial DP 1105, que conecta os municipios de Noia, Lousame e Boiro.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a deputada de Vías de Obras, Mónica Rodríguez, supervisaron o resultado das obras, que se executaron en dúas fases e supuxeron a renovación completa da pavimentación da vía ao longo de 13 quilómetros que discorren polos citados municipios, como o pintado de marcas viarias, bordos e pasos de peóns e a renovación da sinalización horizontal e vertical.
Formoso destacou a a importante mellora da seguridade "nunha estrada fundamental para a vertebración das comunicacións da comarca, que ademáis rexistra un elevado volume de tráfico diario", unha actuación que enmarcou "na aposta da Deputación por mellorar continuamente unha rede viaria que suma máis de 2.100 quilómetros na provincia da Coruña".