Estás en:Novas

A Deputación pon unha “necesaria ollada” no papel da muller na arqueoloxía ou o urbanismo a través das xornadas ‘Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio’

A iniciativa conforma a sétima edición das Xornadas Científicas, promovidas pola Área de Patrimonio da institución provincial


Celebraranse o venres 15 e o sábado 16 de novembro no Muncyt e no Conservatorio Profesional de Danza da Coruña


Conferencias, mesas redondas, obradoiros, actuacións artísticas e un roteiro que "tecerá a historia das mulleres na Coruña desde o patrimonio" compoñen o programa

A Deputación pon unha “necesaria ollada” no papel da muller na arqueoloxía ou o urbanismo a través das xornadas ‘Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio’

A Deputación da Coruña pon unha "necesaria ollada" no papel da muller no patrimonio. Faino a través da sétima edición das Xornadas Científicas da área de Patrimonio da institución provincial, que chega o venres 15 e o sábado 16 de novembro baixo o nome 'Memoria Consciente: miradas cruzadas aos retos do feminismo no patrimonio'.


A iniciativa foi presentada esta mañá no Conservatorio Profesional de Danza da Coruña polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, así como a presidenta e vicepresidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo e Carmela Galego. Dita entidade, segundo Penas, colaborou "ao cento por cento e de xeito fundamental" na articulación dunha programación que incluirá conferencias, mesas redondas, obradoiros, actuacións artísticas e unha ruta.


"Queremos poñer o foco nun tema que non se falou dabondo: os retos que ten que afrontar o feminismo en referencia ao patrimonio tanto material como cultural. Hai unha discriminación que segue vixente", explicou Penas, que recoñeceu que é evidente que o recoñecemento a esta labor das mulleres chega "moi tarde" porque "durante centos de anos estes traballos foron invisibilizados", pero por iso mesmo "hai que poñer luz nunha parte" desa produción das profesionais.


Na mesma liña se expresou María Xosé Bravo, quen recalcou que "a historia das mulleres segue sen estar contada", por iso é imprescindible contar con xornadas como esta, que dean "luz" a todo o que as mulleres traballaron e investigaron "para facer cidade e país". A presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda puxo como exemplo reivindicativo da pouca visibilidade da muller que a propia palabra patrimonio, no seu significado, xa alude a "esa memoria que nos chegou por vía paterna".


Pola súa banda, Carmela Galego, recoñeceu o "entusiasmo" da Deputación á hora de apoiar as propostas da asociación para levar a cabo un programa que debe ofrecer "esa ollada consciente á liña matriarcal" que deixou a muller no patrimonio. Unha mirada que debe ser "interseccional" e apuntar cara "esas cuestións tan tanxenciais que se tocan entre patrimonio e feminismo".


Dous bloques
Así, as xornadas terán un carácter "práctico e pedagóxico" para tratar, "en clave narrativa", o feminismo en dous bloques: a museoloxía e arqueoloxía por un lado, e a arquitectura e urbanismo, por outro. Ambos os dous quedaron claramente diferenciados no cartel das xornadas, deseñado por Angélica Cillero.
O primeiro deses bloques desenvolveranse o venres 15 de novembro no Muncyt da Coruña. Ás 16:30 será a apertura de portas e tras o acto inaugural a cargo do deputado Xosé Penas, a historiadora da arte Elisa Garrido desenvolverá unha conferencia sobre as 'Narrativas femininas do patrimonio natural'. Ás 18:15, a arqueóloga Andrea Mouriño ofrecerá unha proposta participativa a partir do seu 'Receitario para deconstruír o androcentrismo nos espazos patrimoniais desde a arqueoloxía'. Por último, a partires das 19:30 horas, a actriz Soledad Felloza dará unhas chaves sobre como interpretar e comunicar patrimonio nun contido titulado 'Ás gardiás da memoria'.


Xa o sábado 16, as arquitectas Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande exporán desde as 10:00 horas 'Casos de Intervención arquitectónica sobre o patrimonio na Galiza'. Ás 10:45, ambas as dúas completarán unha mesa redonda xunto con María Novás, tamén arquitecta e urbanista especializada no estudo dos espazos con perspectiva de xénero, e a Cristina Bajo, socióloga que exercerá como moderadora. A sesión matinal pecharase cun obradoiro impartido por Rexenerando Sociedade Cooperativa Galega titulado 'Da historia aos patrimonios coidadosos'.


Pola tarde, as xornadas saen á rúa para levar a cabo un roteiro que terá como punto de partida o Obelisco, ás 17:00 horas. O paseo "tecerá a historia das mulleres na Coruña desde o patrimonio" e estará conducido por Patricia Angulo xunto a Bravo e Galego. O roteiro rematará ás 18:00 horas no Pazo Martelo, que acolle o Conservatorio de Danza. "É o lugar perfecto por todo o que significa como espazo patrimonial, na memoria das mulleres e porque temos algunha peza artística que forma parte do noso patrimonio con letras maiúsculas, unha obra con nome de mellor", apuntou Galego, que especificou que esta "sorpresa" virá acompañada da actuación musical da violonchelista Margarida Mariño.