Igualdade da Deputación estrea “Espellos Íntimos”, un proxecto sobre a maternidade e os coidados
Os días 28, 29 e 30 de outubro realizaranse en Outes uns obradoiros a partir de dinámicas artísticas que afondarán en cuestións arredor da maternidade e os coidados, que continuarán en Santa Comba e Brión nos meses de novembro e decembro
O obxectivo desta iniciativa é xerar un espazo de encontro interxeracional entre a pequena historia, a historia persoal e a historia colectiva para reflexionar sobre diferentes experiencias
A área de Igualdade da Deputación da Coruña pon en marcha "Espellos Íntimos", unha serie de obradoiros que van ter lugar en Outes, Santa Comba e Brión, onde se van empregar ferramentas artísticas e teatrais para encontrarse e visibilizar memorias e experiencias que teñen que ver coa maternidade e os coidados no rural galego. "Un xeito de crear comunidade dende o goce de contar e ser escoitadas", sinalou a deputada, Soledad Agra.
"Queremos promover unha conversa conxunta e interxeracional sobre as maternidades e os coidados, cuestións que nos marcan como mulleres e que, cando compartimos, dalgunha forma as colectivizamos; algo que é fundamental, especialmente nas zonas rurais da provincia", destacou Agra. "E queremos facelo", engadiu, "empregando a arte e o teatro como elementos de transformación social".
"Espellos íntimos" é un proxecto cun forte compromiso coa igualdade de xénero, xa que o espectáculo que se nutrirá del, trata unha cuestión como a dos coidados, unha carga que historicamente ten sido atribuída ás mulleres. "Xuntas atoparemos recursos teatrais, de memoria, de lazo social... para explorar, expresarnos e deixar as cousas vir na seguridade dun espazo humano que nos ampara".
Dende mañá e ata o día 30 de 10 a 13h e o mércores 30 de 10 a 12h celebraranse estes obradoiros en Outes, que continuarán en Santa Comba os días 12, 13 e 14 de novembro de 10 a 13h e o mércores 14 de 10 a 12h, e rematarán en Brión os 13 e 20 de decembro de 16 a 20h.