A xornada ‘Lingua con dereito. Dereito á lingua’ pon o foco sobre as ferramentas legais para avanzar nos dereitos lingüísticos
"O obxectivo destas xornadas é debater e informarnos sobre cales son os dereitos legais que temos para reclamar o que se supón que un dereito incuestionable, como é o uso da túa lingua propia no teu propio país" sinalou a deputada, Soledad Agra, durante a inauguración da xornada
A Biblioteca provincial da Coruña acolleu hoxe 'Lingua con dereito. Dereito á lingua', unha xornada de debate arredor das posibilidades de litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos. Organizada pola área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística, e presentada pola deputada de Igualdade Sol Agra, xuntou especialistas de todo o Estado: Xoán Antón Pérez Lema, Benet Salellas i Vilar, Iñigo Urrutia, Carlos Amoedo Souto, Elsa Quintas, Miguel Bieito, Cristina Fernández, Rut Carandell e Agurne Gaubeka. A xornada pechouse cunha homenaxe ao xurista e avogado Nemesio Barxa.
Á pregunta de cales son os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, a deputada contestou: "Resultaría absurdo facer esta formulación en calquera lugar do estado no que o castelán fora a única lingua oficial, porque a ninguén se lle ocorrería que tivese que defender o seu dereito a falar castelán en Madrid".
Agra cualificou de "anormal" a situación que se dá en Galicia con respecto ao galego. "Á vista dos últimos resultados do Instituto Galego de Estatística, o feito de non poder lexislar para mellorar a situación da lingua no noso país só nos deixa actuacións paliativas, coma a organización destas xornadas ou o apoio económico a estas entidades que desenvolven un traballo imprescindible na defensa do noso idioma". "E por iso estamos hoxe aquí", engadiu, "para debater e informarnos sobre cales son os dereitos legais que temos para reclamar o que se supón que un dereito incuestionable, como é o uso da túa lingua propia no teu propio país".
Xornadas coma a celebrada hoxe, son para a deputada "moi necesarias, porque cada vez a poboación ve con máis normalidade e resignación que non nos atendan en galego en ningún sitio, desde as tendas máis pequenas do comercio local até nas grandes superficies, na atención telefónica dos provedores de servizos que pagamos, como o teléfono ou a electricidade, nos locais de hostalería, nos bancos, nos avogados, notarios etcétera, etcétera".