O Pindo recupera o seu patrimonio inmaterial a través da memoria das mulleres pesqueiras
A deputada de igualdade, Soledad Agra, inaugurou onte a primeira das sete xornadas do proxecto 'Un mar de mulleres', unha iniciativa da confraría de pescadores local que conta co apoio do departamento de Igualdade da Deputación
A confraría de pescadores de O Pindo acolleu onte a primeira das xornadas de 'Un mar de mulleres', un proxecto da entidade mariñeira que, co apoio da Deputación da Coruña, aposta pola igualdade para dar a coñecer a historia das mulleres no sector pesqueiro e marisqueiro e recuperar o patrimonio inmaterial da localidade. A deputada de Igualdade, Soledad Agra, participou no encontro, na compaña do patrón maior e da secretaria do pósito, Fernando Manuel Siaba Espasandín e Merche Díaz Mallán, e de Ángela Guillán Armendáriz, da Asociación de Mulleres Feministas Sonlilá de Carnota; Carmen Formoso, ex mariscadora e expatroa no Pindo, xa xubilada; e Guadalupe Jiménez-Esquinas, profesora de Antropoloxía Social da USC.
O faladoiro puxo en valor as experiencia das mulleres que dedicaron a súa vida ao mar, nunha labor que tivo un impacto fundamental para acadar a igualdade e melloras económicas, laborais e socioambientais.
O proxecto que comezou onte desenvolverase ata marzo de 2025, cun programa de sete xornadas abertas ao público; catro, adicadas aos máis pequenos, e tres aos adultos, empezando pola desta tarde, na que se falou de feminismo e de igualdade, do patrimonio inmaterial do Pindo e de todas as propostas do proxecto. Tamén se realizou un percorrido pola historia do pobo coas audioguías ficcionadas ''Contos do mar".
As actividades para a cativada están programadas para as vacacións de Nadal, e no meses de xaneiro e febreiro do ano que vén. Ofrecerase formación teórica e de campo guiadas por mulleres do Pindo, e actividades de arte con crebas, impartidas por Alivavá. O obxectivo, que os nenos e as nenas coñezan que é o mundo do mar e o que se desenvolve o seu redor, recuperando e pondo en valor o patrimonio marítimo inmaterial, etnográfico, cultural e dos recursos endóxenos do territorio.
Todo isto dende unha perspectiva de xénero.