Estás en:Novas

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, visita as obras de limpeza de Compostela Rupestre

Xosé Penas acudiu aos concellos de Santiago de Compostela, Val do Dubra e Ames, onde visitou as obras de limpeza das fincas que forman parte do proxecto

"A preservación do noso patrimonio vai moito máis aló do mantemento dos bens e elementos patrimoniais; é preciso manter a contorna coidada, accesible e atractiva para a sociedade" sinalou o deputado

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, visita as obras de limpeza de Compostela Rupestre

O titular de patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, visitou a semana pasada as obras de limpeza das fincas de Compostela Rupestre. Concretamente, o deputado estivo en Val do Dubra: na ruta de Portomouro e na Pedra do Home; en Santiago de Compostela, na Pedra que fala, na ruta da Devesa da Rula e na ruta da Silvouta, e en Ames, na ruta da Peneda Negra.

Acompañado da empresa adxudicataria das obras; do xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras, e de responsables dos concellos, o deputado supervisou o inicio das actuacións, que comezaron a semana pasada e se prolongarán ata abril. Neste sentido, afirmou que se enmarcan no compromiso da súa área coa posta en valor e preservación do patrimonio, "que vai máis aló do mantemento dos bens e elementos patrimoniais, pois é preciso manter a súa contorna coidada, accesible e atractiva tanto para a poboación local como para os visitantes".

Finalizadas estas obras de limpeza e mellora das fincas, o seguinte paso para o proxecto de Compostela Rupestre pasa por "continuar traballando nas liñas do Plan Director", sinalou Penas, "comezando pola correcta sinalización dos espazos".

Ademais, proximamente van comezar tamén os traballos de licitación para acometer as obras de adaptación do Centro de Interpretación Rupestre de Villestro (CIRVI), que se converterá no punto de saída de roteiros e no propio museo de Compostela Rupestre.