Estás en:Novas

A Deputación da Coruña inicia 2025 cun investimento récord de 25,5 millóns de euros nos concellos da comarca de Compostela

Os fondos iniciais do Plan Único increméntanse nun 72% este ano
O presidente, Valentín González Formoso e a deputada de plans Cristina García presentaron hoxe en Santa Comba o balance do POS+ nos concellos da comarca, onde acumula case 217 millóns de euros de investimento e 1.305 obras

A Deputación da Coruña inicia 2025 cun investimento récord de 25,5 millóns de euros nos concellos da comarca de Compostela

A Deputación da Coruña inicia o ano cun investimento récord nos concellos da comarca de Compostela. O Plan Único (POS+2025) destina un total de 25.531.475 aos concellos da zona, unha cifra que supón un incremento do 72% con respecto ao orzamento inicial do POS do ano pasado e o maior investimento inicial do plan desde a súa creación en 2017.

En total, o Plan Único da Deputación da Coruña acumula 216,9 millóns de euros de investimento cos que os municipios da comarca compostelá financiaron 1.305 obras e miles de servizos públicos e programas sociais para a veciñanza.

Así o explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que xunto á deputada de Plans, Cristina García, visitou esta mañá o concello de Santa Comba, onde foron recibidos polo alcalde, Alberto Romar Landeira, para presentar os datos do POS+2025 no municipio e na comarca e facer balance das actuacións realizadas con cargo a estes fondos nos últimos nove anos.

Formoso destacou que "estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación" e incidiu na "contribución fundamenta"l do POS+ para que os concellos, incluso os máis pequenos, podan executar obras, mellorar as súa infraestruturas, ofrecer servizos municipais de calidade e incrementar a calidade de vida da veciñanza. "Son investimentos que levan nomes a apelidos porque cando falamos de financiamento local falamos de escolas infantís, do servizo de axuda no fogar para as persoas maiores, da mellora de rúas e espazos públicos", apuntou.

O presidente contextualizou este investimento récord da Deputación nos concellos nun momento no que os servizos básicos municipais veñen experimentando incrementos de custes importantes, sen que a Xunta de Galicia contribúa a paliar esta situación.

"A factura de Sogama, o servizo de axuda no fogar ou o saneamento de augas poñen nunha situación complexa ás economías dos municipios", afirmou Formoso que indicou no problema económico que supón para as administracións locais seguir asumindo competencias de titularidade autonómica sen que as Xunta as dote do financiamento necesario.

O presidente lembrou que mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destinou o ano pasado 116 millóns para os 313 concellos galegos, o Plan Único da Deputación superou os 100 millóns só nos concellos coruñeses e subliñou que "este 2025, a Deputación investirá máis nos 93 coruñeses que a Xunta nos 313 de Galicia".

Neste sentido, incidiu en que "o Plan Único non só devolveu aos concellos a súa autonomía á hora de decidir o destino dos fondos da Deputación, senón que tamén compensou o déficit de financiamento autonómico, permitindo que as entidades locais dispoñan de recursos necesarios para afrontar os seus retos máis urxentes".

Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, apuntou que " este plan é unha ferramenta fundamental para a supervivencia dos concellos, permítelles manter infraestruturas e servizos que melloran a vida da veciñanza e xera tamén un impacto positivo na economía local, ao promover a contratación de pequenas e medias empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados. Deste xeito, non só se asegura a execución de obras necesarias senón que tamén se axuda a fortalecer o tecido empresarial local, se consolida o emprego eses contribúe a fixar poboación nos pequenos e medianos concellos, como pode ser o caso de Santa Comba".

Mentres, o rexedor de Santa Comba, Alberto Romar, destacou que a importancia "non é só a contía, senón estes criterios obxectivos á hora de distribuír os fondos para os pequenos concellos do rural, como é este". "Iso danos unha seguridade a medio e longo prazo á hora de planificar unha serie de obras moi necesarias para as nosas 17 parroquias. Gustaríanos que outros entes utilizaran estes criterios obxectivos para ter esa seguridade", engadiu o alcalde.

Financiamento sen precedentes para os concellos

A comarca de Santiago verá como os seus 26 concellos dispoñen de fondos históricos da Deputación da Coruña en 2025. Ames, o municipio con maior dotación, recibirá 1.948.577,45 euros, mentres que Santa Comba, anfitrión do acto, contará con 1.563.606,80 euros. Outros concellos como Arzúa, Ordes ou Teo tamén se beneficiarán de notables incrementos nas achegas da Deputación, o que lles permitirá acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.

Cos fondos dos POS+2025, os concellos poderán abordar actuacións fundamentais en áreas clave como a mellora das infraestruturas públicas, incluíndo mellora de estradas e núcleos rurais e urbanos, sistemas de abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, parte dos fondos (7 millóns de euros en toda a provincia) destinaranse a reforzar os programas sociais municipais que contribúen ao benestar da poboación máis vulnerable.

Un modelo de éxito recoñecido

Desde a súa posta en marcha en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado, cun modelo que simplifica a xestión administrativa e permite aos concellos decidir de forma autónoma como empregar os fondos segundo as súas prioridades.
O POS+ é un exemplo de xestión que proporciona aos concellos un marco de financiamento estable que poden xestionar con total autonomía, en función das necesidades particulares de un, permitíndolles a capacidade de planificar e executar proxectos esenciais para o desenvolvemento local.

Santa Comba como exemplo

Santa Comba é un dos concellos que exemplifica o impacto positivo do Plan Único, con proxectos realizados nos últimos anos que melloraron as súas rúas, estradas e núcleos rurais, reforzaron os servizos públicos e impulsaron a actividade social e económica no municipio.

Desde a creación do Plan Único, o municipio recibiu máis de 13 millóns de euros en investimentos, cos que se acometeron 63 obras no municipio, entre elas o proxecto de reurbanización da avenida de Santiago, que hoxe visitaron o presidente provincial, a deputada e o alcalde, e que supuxo un investimento de 360.000 euros para acometer a reforma integral da zona, dotándoa de nova pavimentación, mellora da accesibilidade peonil coa construción de novas beirarrúas e servizos como rede de saneamento e abastecemento de auga e recollida de pluviais.

HISTÓRICO PLAN ÚNICO COMARCA COMPOSTELA

 

 

CONCELLO

 

2025

 

TOTAL

2017-2025

NÚMERO DE OBRAS APROBADAS

AMES

1.948.577,45 €

18.178.192,32 €

100

ARZÚA

1.285.996,40 €

10.095.728,82 €

59

BAÑA, A

840.695,22 €

7.246.678,71 €

57

BOIMORTO

696.998,74 €

5.680.179,93 €

40

BOQUEIXÓN

776.403,57 €

6.625.056,06 €

48

BRIÓN

880.770,62 €

7.325.363,56 €

39

DODRO

407.062,68 €

3.362.309,18 €

36

FRADES

692.847,84 €

5.383.468,51 €

25

MELIDE

1.201.880,08 €

9.724.664,13 €

29

MESÍA

797.881,78 €

6.000.992,48 €

51

NEGREIRA

1.091.030,74 €

8.300.918,75 €

35

ORDES

1.437.204,56 €

12.642.505,04 €

48

OROSO

879.506,22 €

8.273.108,23 €

53

PADRÓN

760.523,04 €

6.695.034,92 €

64

PINO, O

1.010.889,22 €

8.567.937,89 €

58

ROIS

835.685,74 €

6.543.880,05 €

41

SANTA COMBA

1.563.606,80 €

13.098.759,45 €

63

SANTIAGO DE COMPOSTELA

1.530.888,92 €

14.957.368,43 €

61

SANTISO

692.024,32 €

5.387.825,58 €

57

TEO

1.404.400,98 €

12.662.568,60 €

55

TOQUES

607.403,17 €

4.932.814,51 €

45

TORDOIA

866.506,91 €

6.311.991,10 €

45

TOURO

967.628,50 €

8.367.503,03 €

77

TRAZO

789.490,11 €

6.674.797,82 €

38

VAL DO DUBRA

857.298,51 €

8.184.829,08 €

58

VEDRA

708.273,56 €

5.689.596,97 €

23

 

TOTAIS

25.531.475,68

216.914.073,15 €

1305