A deputada Soledad Agra reúnese coa vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López, para coñecer os proxectos desenvolvidos grazas ao apoio da Deputación
A deputada, Soledad Agra, visitou o reitorado da UDC para reunirse coa vicerreitora de Igualdade e Diversidade Cristina López
Esta visita serveu para coñecer de primeira man as actividades que desenvolve a Universidade en materia de igualdade, que contan cun financiamento da Deputación de 35.000€
A deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, visitou o reitorado da UDC para reunirse coa vicerreitora de Igualdade e Diversidade Cristina López. Durante o encontro trataron a problemática actual da lingua galega e expuxeron iniciativas que se poderían desenvolver desde a #UDC sobre este asunto.
Así mesmo, a deputada puido coñecer de primeira man as accións que se están a desenvolver dende a Universidade da Coruña en materia de igualdade, para poder establecer novas vías de colaboración entre ambas as dúas institucións.
A área de igualdade da Deputación e a UDC xa contan cunha colaboración actualmente a través do convenio anual asinado en decembro do ano pasado polo que, cun importe de 35.000 euros, a entidade provincial financia varios proxectos pola igualdade da UDC. Entre eles, o programa Arrolarte —de coidados e autocoidados feministas—, outro de liderado con perspectiva feminista, varias propostas para a sensibilización de homes como aliados do feminismo, a instalación de 'puntos violeta' de información sobre a igualdade e contra a violencia machista, e unha guía para acollemento e acompañamento a vítimas.
Ademais, a Deputación está valorando a posibilidade de colaborar nun programa para promoción da lingua entre o alumnado. "A promoción da lingua e da igualdade de xénero, entre outras cuestións, é fundamental entre a mocidade e en espazos educativos, onde, en maior medida, se desenvolve a conciencia crítica. Por iso, dende a Deputación queremos apoiar estas iniciativas que desenvolve, neste caso, a UDC, con gran éxito", sinalou a deputada.