A exposición ‘Relembrado a Trini’ fai parada en Corcubión
Inaugurouse na Biblioteca Municipal, onde se poderá visitar ata o 14 de febreiro
No acto participaron a deputada de Igualdade, Sol Agra; a comisaria da mostra, Sergio Marey, e Fito Ferreiro, da asociación Palestra
A Biblioteca Municipal de Corcubión acolleu a inauguración da exposición 'Relembrando a Trini', unha iniciativa da área de Igualdade da Deputación da Coruña para recoñecer a figura de Trinidad Falcés, muller trans coruñesa, pioneira activista polos dereitos LGTBI, quen cumpriu condena nos cárceres de homosexuais de Badajoz e Huelva, sobreviviu prostituíndose e morreu en 2022 logo dunha vida na que seguiu a padecer precariedade ata a fin. A mostra poderá visitarse ata o 14 de febreiro.
No acto participaron a deputada de Igualdade, Sol Agra; a comisaria da exposición, Sergio Marey, e Fito Ferreiro, da asociación Palestra, quen acompañou a Trini nos últimos meses da súa vida.
'Relembrando a Trini' artéllase arredor dun armario onde se ordenan documentos e obxectos persoais de Falcés —fotos, roupa, bixutería—, nunha instalación que permite percorrer e reconstruír a figura e vida de Trini. "Unha vida que merecía unha homenaxe coma esta; a vida dunha muller á que lle impuxeron un xénero que non se correspondía co seu e se revelou contra a imposición, malia a represión e o medo", afirmou Agra.
"Trini encheu o seu armario de roupa de cores e saíu del para collerse da man de xente valente coma ela, agarrando as faixas nas primeiras manifestacións despois da morte do ditador, de fronte á intransixencia e á imposición, decidida a facerlle ver á sociedade da época que existían, que saían das marxes onde as querían agochar para poñerse no centro, irreverente, rebelde, orgullosa, alegre, para vivir, porque o importante é vivir, non sobrevivir", louvou a titular de Igualdade.
Segundo Marey, "a roupa ten moita importancia para o colectivo como obxecto de identificación, por iso lle damos valor nun armario que mostra parte da complexidade da figura de Trini e lembra historias esquecidas das que queda pouco rastro por culpa da marxinalidade".
Ferreiro falou, para rematar, "da necesidade de reivindicar figuras como a de Trini, pois temos que coñecer o noso pasado para construír o noso futuro".