Estás en:Novas

21 febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

"Cada dúas semanas, como media, unha lingua desaparece e con ela todo un patrimonio cultural e intelectual."

UNESCO

21 febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

O próximo 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna co obxecto de poñer en valor a súa importancia como vehículo de trasmisión e salvagarda dunha enorme riqueza cultural e patrimonial de todos.

Así pois, quixemos celebrar a diversidade e riqueza das linguas do planeta poñendo o ollo na nosa, que segundo vimos de coñecer, da man do Instituto Galego de Estatística, está a sofrer unha importante mingua no número de falantes, especialmente acusado nas xeracións novas.

Na Biblioteca provincial preparamos un recuncho co que sumarnos á iniciativa, que agardamos sexa do voso agrado. Nel atoparedes todo tipo de lecturas (ficción e non ficción) seleccionados polo persoal da Biblioteca Provincial, para animar a lectura na nosa lingua propia.

Día Internacional da Lingua Materna (UNESCO)

A UNESCO cre na importancia da diversidade cultural e lingüística para as sociedades sostibles. No marco do seu mandato en prol da paz, traballa para preservar as diferenzas de culturas e idiomas que fomentan a tolerancia e o respecto cara aos demais.

As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible.

A diversidade lingüística está cada vez máis ameazada. Cada dúas semanas, como media, unha lingua desaparece e con ela todo un patrimonio cultural e intelectual.

O 40% da poboación mundial non ten acceso a unha educación nunha lingua que fale ou entenda. Con todo, grazas á comprensión da importancia que teñen as linguas maternas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe, en particular desde os primeiros estudos e o compromiso cada vez maior de que evolucionen na esfera pública.

Celebracións 2025

O ano 2025 marca o 25 aniversario do Día Internacional da Lingua Materna. Este fito pon de relevo un cuarto de século de esforzos dedicados a preservar a diversidade lingüística e promover o uso da lingua materna. Constitúe unha importante oportunidade para reflexionar sobre os logros, renovar os compromisos e destacar o papel fundamental que desempeña a preservación das linguas na salvagarda do patrimonio cultural, a mellora dos resultados educativos e a creación de sociedades máis pacíficas e sostibles.

O evento organizado na Sede da UNESCO, «As linguas importan: Celebración do aniversario de prata do Día Internacional da Lingua Materna», destacará a urxencia de acelerar os avances na diversidade lingüística para construír un mundo máis inclusivo e sostible para 2030.

Orixe e significado do Día Internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna ten a súa orixe nunha traxedia que ocorreu o 21 de febreiro de 1952 en Daca, Bangladesh.

En 1948, o goberno de Paquistán, recentemente constituído, declarou que o urdu (lingua falada nese país e na República da India) sería o único idioma nacional. Esta decisión xerou protestas entre a maioría da poboación que falaba bengalí no leste do país.

Durante unha protesta estudantil, que esixía o recoñecemento do bengalí como lingua oficial, as forzas de seguridade abriron fogo contra os participantes e varios manifestantes morreron.

A traxedia de 1952 representou un punto de inflexión na loita polos dereitos lingüísticos. A insistencia da comunidade bengalí conduciu ao recoñecemento do bengalí como un dos idiomas oficiais de Paquistán e, posteriormente, á independencia de Bangladesh en 1971.

Este acontecemento serviu de inspiración para a instauración do Día Internacional da Lingua Materna, que a UNESCO instaurou en 1999 co obxectivo de promover a diversidade lingüística e cultural, así como fomentar o multilingüismo como un medio para construír unha sociedade máis inclusiva e respectuosa.

As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais ao longo do tempo. O Día Internacional da Lingua Materna destaca a importancia de conservar as linguas maternas como portadoras de expresión cultural e coñecemento. A diversidade lingüística enriquece as nosas vidas, promove a comprensión entre as diversas culturas e preserva a herdanza distintiva de cada comunidade.

Se isto o trasladamos aquí, como é a situación do noso idioma propio?