Virxinia Pereira. Sen ela non sería...
Mañá é o Día Internacional da Muller, e sendo este o ano Castelao, queremos render homenaxe a Virxinia Pereira, compañeira e garda do legado dunha das principais figuras da nosa cultura.
E moito máis que a muller de Castelao...

A capacidade é unha cualidade imprescindible para levar a cabo certos labores pero, se esta capacidade non vai acompañada da oportunidade de pouco (ou de menos) serve a primeira.
Castelao foi un traballador incansable por Galiza, pero é difícil pensar que o irrepetible legado que nos agasallou chegase a nós do mesmo xeito sen a determinación, axuda e salvagarda que fixo deste a súa dona Virxinia Pereira Renda. Estamos a referirnos non só aos coidados físicos que precisase a saúde de Castelao ou o coidado do seu fillo Afonso, se non tamén ao traballo que a estradense desenvolveu por toda Europa e América espallando e defendendo os postulados republicanos e antifascistas, así como o Estatuto de Galicia e un futuro político para o país, durante a vida de Alfonso R. Castelao, e alén dela.
Virxinia Pereira Renda (A Estrada 1884 - Madrid 1969) procedía dunha familia acomodada da Estrada. Filla do deputado liberal Camilo Pereira Freixenedo e de Peregrina Renda López, a súa vida presumíase un discorrer sen demasiados afáns nin apuros económicos, mais veremos como isto non foi así en absoluto.
Coñece a Castelao en Compostela e casan no 1912. Para o ano 1914 nace o seu primeiro e único fillo Afonso. As dificultades axexaban por diferentes frontes, e o primeiro foi os problemas de vista de Castelao, que o obrigarían a facerse estatístico para ter un emprego estable que axudase á súa nova familia.
A verdadeira traxedia viviríana Virxinia e Castelao logo de cumprir o pequeno Afonso os 14 anos de vida. A enfermidade e falecemento do neno foi unha lousa imposible de quitar derriba para ambos, e o seu labor ocupou o centro das súas vidas.
Pronto virían os exilios interior e exterior, e Virxinia converteuse tamén en voz dos exiliados alí onde viaxou. Europa e América toda eran o seu obxectivo, para gañar apoios á república, ao Estatuto de autonomía para Galicia e loitar contra os fascismos que gobernaron en Italia, Alemaña ou Francia.
Cando Virxinia acompañaba a Castelao nestas campañas, o seu papel non era de mera espectadora, facéndose tamén relatora pola causa sempre que foi preciso.
Logo da morte do Guieiro, Virxinia padeceu aínda máis estreiteces, pois o goberno franquista impuxo como castigo a Castelao, que non aplicou ata a súa morte, unha multa de 75.000 pesetas da época e o embargo dos seus bens. A vontade de Virxinia non quebrou con este revés e defendeu con todo o que puido, a salvagarda do legado do seu compañeiro.
Pero a cousa non ficou aí, xa que seguiu traballando polo galeguismo e o antifascismo ata a fin da súa vida.
Moitos foron os que menosprezaron a súa figura, mais á luz da información que a través das súas cartas, ou traballos como o de Montse Fajardo A vida incerta: biografía de Virxinia Pereira [GAL I 377] podemos ver como para nada foi a nena rica da Estrada, que non fixo máis que acompañar o seu marido.
Así pois, podemos afirmar que "sen ela non sería posible" ou non do mesmo xeito.
---
Enlaces de interese para afondar na figura de Virxinia Pereira:
Consello da Cultura Galega. Virxinia Pereira
Tabeirós Montes. Virxinia Pereira