Estás en:Novas

O Festival Rosalía reivindica na súa sétima edición a figura “transgresora”, “rebelde” e “vangardista” da autora de ‘Follas Novas’

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, conmemora na praza de Mazarelos o 188º aniversario do nacemento da autora

A deputada de Lingua, Soledad Agra, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, interviñeron na inauguración oficial deste sábado, día que inclúe no seu programa o proxecto 'Somos pandeireteiras', o concerto de Tres Pesos ou a presentación de 'Rosalía Oculta', obra de Paula Mayor gañadora do Premio Castelao da Deputación

Mañá domingo a programación ofrecerá, entre outras actividades, o proxecto performativo de Clo Plas, o espectáculo 'A primavera vai chegar' de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero ou a montaxe teatral para público familiar 'Rosalía'

O Festival Rosalía reivindica na súa sétima edición a figura “transgresora”, “rebelde” e “vangardista” da autora de ‘Follas Novas’

A sétima edición do Festival Rosalía, que se desenvolve baixo o lema Sen Pombas nin flores en Santiago de Compostela, xa está en marcha. A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, interviñeron esta mañá na inauguración oficial deste evento que, entre hoxe e mañá, ofrecerá concertos, teatro, animación de rúa e recitais de poesía para conmemorar a figura da autora de Follas novas no 188º aniversario do seu nacemento. Á inauguración tamén asistiron a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Capital Cultural de Santiago, Miriam Louzao, e a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas.

Agra, na súa intervención, sinalou que a Deputación procura con este festival "poñer en valor todo o que representa Rosalía" e amosar, ao tempo, que "neste país continuamos a ter grandes artistas e grandes representantes da nosa cultura". "Rosalía ten moito de rebeldía", proclamou a deputada, antes de resaltar que "os seus poemas son defensa da nosa identidade, da nosa cultural e tamén do feminismo". Agra, finalmente, transmitiu o agradecemento da Deputación ao Concello de Santiago pola súa colaboración e tamén quixo destacar a participación un ano máis da Fundación Rosalía, que onte se implicou no festival cunha visita guiada á Casa Museo en Padrón conducida polo seu presidente, Anxo Angueira.

"Rosalía mobilizaríase hoxe pola lingua"
Pola súa banda, Goretti Sanmartín quixo salientar a "muller transgresora e muller rebelde" que era Rosalía ao citar o seu manifesto Lieders , no que a autora se declaraba "libre" primeiro para proclamar despois que só o "pensamento" era a lei que rexería "o seu destino". A alcaldesa definiu a poeta tamén como "vangardista e pioneira" e salientou que dotara a literatura galega dunha "obra sen parangón". Finalmente, Sanmartín subliñou que Rosalía, de vivir hoxe en día, "mobilizaríase pola nosa lingua" antes de lembrar que a poeta segue a ser "para todo o mundo fonte de inspiración".

A inauguración oficial, que veu precedida polo Pasarrúas rosaliano que os Quinquilláns ofreceron polas rúas de Santiago, abriu a ampla programación da xornada. O programa de tarde deste sábado inclúe diferentes actos entre os que cómpre destacar a presentación do colectivo Somos Pandeireteiras, proxecto impulsado por Mercedes Peón; a presentación do libro Rosalía Oculta, obra de banda deseñada de Paula Mayor editada por Galaxia e galardoada co Premio Castelao da Deputación da Coruña; así como polo recital poético de Nuria Vil, Anxo Angueira e Andrea Nunes ou o concerto de Tres Pesos no Teatro Principal.

O Festival Rosalía, ademais, inclúe unha feira con diferentes postos de comercio de proximidade situados na praza de Mazarelos. A feira está composta polos seguintes postos: Libraría Pedreira, Árbore Azul, 13D Deseño Galego Impreso en 3D, Casperolota Atelier, Cuire Acuarelas, Acontravento, Egretta Biloba e Coas Mans Artesanía.

Poesía e escena para o domingo
O Festival Rosalía reiniciará a súa programación mañá domingo a partir das 13.30, retrasando a apertura da súa feira até esa hora para non solaparse coa manifestación que sairá ás 12.00 horas da alameda convocada pola plataforma Queremos Galego! Ás 14.00 horas celebrarase a sesión vermú na praza de Mazarelos e correrá a cargo de Clo Plas, un proxecto performativo conformado polo artista Berio Molina e a escritora Xiana Arias que mestura a oralidade da montaña de Lugo con música experimental e midi.

Xa pola tarde, ás 16.00 horas, tamén na carpa instalada na praza de Mazarelos, organízase o Quizz Rosaliano, un xogo arredor da figura de Rosalía para descubrir en familia a vida e obra da autora de Cantares Gallegos. Unha hora máis tarde, ás 17.00 horas, o mesmo recinto acollerá Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido, proxecto que reúne a Lara Dopazo, Iván Torres e Rafa Fernández para unir música, poesía e videocreación en vivo. Xusto antes, ás 16.45, Carlos Callón asinará exemplares da súa obra Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega no posto da libraría Pedreira.

A programación do domingo estenderase a dous espazos diferentes á praza de Mazarelos: o Colexio Maior de Santo Agostiño e o Teatro Principal. O primeiro destes lugares acollerá ás 16.00 e ás 17.15 os dous pases de A primevera vai chegar, iniciativa artística que reúne as voces de Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado. As tres artistas recuperan con este proxecto un espazo de memoria rosaliana, xa que o Colexio Maior de Santo Agostiño foi a sede do antigo Liceo, institución na que tanto se implicou Rosalía durante a súa mocidade.

Por último, o Teatro Principal acollerá ás 18.30 horas a obra de teatro para o público familiar Rosalía, protagonizada por Rocío González e Cris Collazo baixo a dirección de Fina Calleja. Esta montaxe escénica poralle o ramo ao Festival Rosalía nesta sétima edición.