A Deputación e o Concello de Vimianzo renovan o convenio para a xestión do Castelo e dos Batáns do Mosquetín
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e a alcaldesa da capital soneirá, Mónica Rodríguez, asinaron o acordo, polo que a administración provincial fai unha achega de 120.000 euros en 2025
"Este convenio responde ao modelo de xestión do patrimonio cultural que defendemos no noso departamento, no que os edificios e as actividades complementarias interactúan co espectador para facelo un actor activo, nun atraente xeito de achegar os bens patrimoniais á cidadanía", destacou Penas

O responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asinaron o convenio de cooperación para a xestión con atención de visitantes, Mostra de Artesanía en Vivo e outras actividades do Castelo de Vimianzo e tamén dos Batáns do Mosquetín durante 2025. A achega da Deputación é de 120.000 euros, dos cales 102.000 destinaranse para o Castelo e os 18.000 restantes para os Batáns.
Entre as obrigas contraídas polo Concello de Vimianzo están a de achegar o persoal necesario para a atención aos visitantes do Castelo, á Mostra e aos Batáns; a de abrir os centros de acordo cos horarios que se establecen no convenio (o Castelo, de martes a domingo, excepto o 22 de maio, o 25 de decembro e o 1 de xaneiro; e os Batáns, de luns a domingo) e a de elaborar unha estatística de visitas mensual e de xeito obxectivo e avaliable.
O concello tamén se compromete a realizar outras actividades, coma as exposicións permanentes (tanto no Castelo coma nos Batáns); mostras temporais (dos artesáns presentes na Mostra, outras de promoción de Vimianzo e da Costa da Morte, e outras comisariadas pola Deputación); visitas guiadas e teatralizadas; todo o programa da Mostra de Artesanía en vivo unidades didácticas adaptadas aos proxectos curriculares de cada ciclo educativo dos centros de ensino que visitan o Castelo e os Batáns; rutas, relatorios e obradoiros de artesanía no patio do Castelo (de barro, de barco, de encadernación, de vidro ou de trenzado en palla).
"Este convenio responde ao modelo de xestión do patrimonio cultural que defendemos no noso departamento, no que os edificios e as actividades complementarias interactúan co espectador para facelo un actor activo, nun atractivo xeito de achegar os bens patrimoniais á cidadanía", destacou Penas.
O deputado de Patrimonio puxo tamén en valor a importancia do acordo para o turismo: "O Castelo de Vimianzo é un dos conxuntos máis visitados na Costa da Morte. As persoas que se achegan a coñecelo demandan información no só sobre a fortaleza e o seu contido, senón tamén sobre o Concello e todo o xeodestino".
Pola súa parte, a rexedora destacou que "este convenio é fundamental para seguir impulsando o noso patrimonio e manter estes espazos como puntos de referencia culturais e turísticos".