Estás en:Novas

A Deputación financia con 62.000 euros o servizo de atención a visitantes e as actividades do dolmen de Dombate en 2025

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e o alcalde de Cabana, Xosé Muíño, asinaron a renovación do convenio, que servirá para sufragar a campaña de visitas escolares e obradoiros de prehistoria; a celebración da Primavera, Verán e Outono de Dombate; a Ruta e Noite das Estrelas, unha clase maxistral de musica e outras xornadas, charlas e presentacións para a posta en valor da cultura megalítica

"Coa renovación do convenio", sinalou Penas, "queremos intensificar a nosa cooperación co Concello de Cabana na xestión cultural e turística do Dolmen de Dombate, como un xeito de promover as posibilidades que ofrece a cultura megalítica como reclamo turístico na nosa provincia"

A Deputación financia con 62.000 euros o servizo de atención a visitantes e as actividades do dolmen de Dombate en 2025

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e o alcalde de Cabana, Xosé Muíño, asinaron a renovación do convenio para o servizo de atención a visitantes e as actividades culturais complementarias de posta en valor de Dombate e a cultura megalítica dese concello da Costa da Morte. A achega en 2025 da administración provincial é de 62 184 euros.

O investimento servirá para sufragar, ademais do servizo de atención a visitantes, estas outras actividades:

  • Campaña de visitas escolares e obradoiros de prehistoria. A visita guiada será en Dombate adaptada ás idades do alumnado, con proxección de documentais e lectura de textos literarios.
  • Xornadas, charlas, presentacións, visitas especiais, ás se convidarán a especialistas dos eidos da ciencia, a arqueoloxía ou a literatura.
  • Celebración da primavera en Dombate, que inclúe actividades de música, teatro ou xogos populares, nun ciclo que rematará o 21 de xuño co solsticio de verán.
  • Visitas teatralizadas, que ofrecerán unha representación dramática adaptada ao xacemento e aos visitantes. Prográmanse en dúas sesións, os sábados de xullo e agosto, ás 11.30 e ás 13 horas. Haberá tamén visitas especiais abertas a veciños e veciñas e visitantes para que coñezan Dombate desde outro punto de vista.
  • Verán en Dombate: actividades de música, concertos 'con encanto', teatro, monicreques, contacontos, xogos populares, etc.
  • Ruta e Noite das Estrelas. Actividade xa habitual no verán cabanés e de grande poder de convocatoria, que consiste nunha ruta circular con inicio e fin no aparcadoiro de Dombate e que sube ao monte de Borneiro para contemplar a "chuvia" de Perseidas na noite de San Lourenzo.
  • Masterclass musical en Dombate: clase maxistral e concerto de música clásica ou tradicional que se leva a cabo na zona verde do Centro Arqueolóxico.
  • Outono en Dombate. Inclúe actividades de música, teatro, monicreques, contacontos, xogos populares, exposicións e a ruta máxica do Samaín, para celebrar a chegada do outono a Dombate.

"Coa renovación do convenio", sinalou Penas, "queremos intensificar a nosa cooperación co Concello de Cabana na xestión cultural e turística do Dolmen de Dombate, como un xeito de promover as posibilidades que ofrece a cultura megalítica como reclamo turístico na nosa provincia".

Segundo o deputado, "máis alá da conservación do monumento, a nosa aposta pasa tamén por dinamizar Dombate cunha programación cultural complementaria que axude a divulgar a súa historia e o seu significado. Actividades didácticas, visitas guiadas, obradoiros para escolares e iniciativas divulgativas permitirán achegar a cultura megalítica á sociedade desde unha perspectiva viva e participativa. O noso obxectivo é que Dombate non sexa só un lugar de visita, senón un espazo activo de coñecemento e conexión coa nosa historia.