Estás en:Novas

A Deputación abre as portas do CEI ás asociacións de veciños da Coruña

Formoso participou nesta visita guiada ao maior plató virtual de España cun centenar de representantes das entidades veciñais, aos que lles explicou cómo o CEI beneficiará o desenvolvemento económico e a promoción da Coruña como enclave de referencia para a produción audiovisual

A Deputación abre as portas do CEI ás asociacións de veciños da Coruña

Un centenar de representantes das entidades vecinas da cidade participaron esta tarde na visita guiada co presidente da Deputación, Valentín González Formoso

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde na visita guiada que a Deputación da Coruña ofreceu nas instalacións do Coruña Estudo Inmersivo (CEI) a arredor dun centenar de representantes de 34 asociacións de veciños e veciñas da cidade herculina.

Durante o encontro, os asistentes tiveron oportunidade de comprobar o funcionamento da tecnoloxía de vangarda do maior plató vitual de España e cómo a Deputación espera que esta infraestrutura contribúa ao desenvolvemento económico da área, a creación de empregos especializados no sector técnico e audiovisual e á promoción da propia cidade.

"O CEI supón un revulsivo nun sector no que Galicia xa somos unha potencia nacional. Con él multiplicamos as posibilidades do sector e aspiramos a situar á cidade como un hub audiovisual de referencia en Europa", apuntou o presidente. Neste sentido, Formoso detallou que o Coruña Estudo Inmersivo ten previsto acoller producións e rodaxes de cine, televisión e publicidade chegados de diferentes partes de España e de Europa.

Formoso lembrou que o CEI será xestionado por Pedralonga Estudios, unha alianza formada por dez das principais empresas galegas do sector audiovisual. Esta colaboración entre o sector público e privado garante unha xestión eficiente e unha aposta decidida pola excelencia, a innovación e a proxección internacional. "A unión fai a forza, e este proxecto demostra que un sector unido será aínda máis potente e competitivo", apuntou o presidente.

Este edificio de 2.000 metros cadrados conta cunha tecnoloxía inmersiva de última xeración, que permite a creación de calquera escenario real ou imaxinario sen necesidade de saír do plató. Dun deserto a unha cidade futurista, dunha persecución en Londres a un atardecer en Fisterra, as posibilidades son infinitas para os creadores audiovisuais. A instalación integra 758 paneis LED 4K que permiten crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real.

Ademais, está deseñado para atender as necesidades do cine, a televisión, a publicidade, os videoxogos e outras formas de contido audiovisual, abrindo un abano de oportunidades para a innovación e a experimentación creativa.

O impacto do CEI vai moito máis alá dunha infraestrutura tecnolóxica de primeiro nivel que supuxo un investimento de 9 millóns de euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña e fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España- Next Generation EU. Supón unha aposta estratéxica pola modernización e profesionalización do sector audiovisual, impulsando a creación de emprego e a retención de talento en Galicia. Hoxe, a industria audiovisual representa máis do 30% da actividade cultural da nosa comunidade e mantén máis de 4.500 postos de traballo. Grazas ao CEI, este sector reforzará a súa competitividade e capacidade para captar grandes producións, consolidando o ecosistema creativo e tecnolóxico de Galicia.

Con este proxecto, Galicia entra de cheo na era da produción virtual, ofrecendo unha infraestrutura única en España e referencial en Europa. "O CEI non só mellora as capacidades do sector audiovisual galego, senón que o coloca no mapa europeo da industria", afirmou o presidente.

O acto de hoxe supón o inicio dunha rolda de visitas guiadas coas que a Deputación da Coruña pretende abrir as portas do CEI a estudantes do sector audiovisual, colexios da contorna ou diferentes actores sociais e económicos que poidan estar vinculados dalgún xeito a este proxecto.