Estás en:Novas

A Deputación construirá un aparcadoiro disuasorio con servizo de lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

O presidente da Deputación e o alcalde da Capela asinaron hoxe o convenio, que supón un investimento de 220.000 euros, financiados con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – Next GenerationEU.

O obxectivo é reducir o uso do vehículo privado no parque natural e dar solución aos problemas de aparcadoiro

O aparcadoiro, que se situará no núcleo das Neves, contará con prazas para caravanas, turismos, motocicletas e bicicletas e servizo de lanzadeira en vehículo eléctrico ata o Parque Natural das Fragas do Eume

A Deputación construirá un aparcadoiro disuasorio con servizo de lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da Capela, Manuel Meizoso, asinaron hoxe o convenio para a construción dun aparcadoiro disuasorio e a creación dun servizo de transporte lanzadeira eléctrica para mellorar a mobilidade no Parque Natural das Fragas do Eume.

As actuacións supoñen un investimento de 220.000 euros e está enmarcado no Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) Fragas do Eume e financiado integramente con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia – financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

O presidente da Deputación destacou que con esta actuación "dáse un paso importante no dobre obxectivo de reducir o uso do vehículo privado no parque natural e solucionar a problemática no referente ás prazas de estacionamento dispoñibles para os e as visitantes, especialmente durante os meses de verán".

A proposta presenta un investimento de 146.921 euros para a urbanización dunha parcela de 2.380 metros cadrados no lugar das Neves, que linda co Centro de Saúde do municipio e ofrece un acceso directo ao Parque Natural das Fragas do Eume, para ser utilizada como aparcadoiro disuasorio para turismos, motocicletas e bicicletas

O aparcadoiro contará con dúas plataformas, unha inferior con 10 prazas de estacionamento para autocaravanas e espazos para dar servizo aos seus usuarios (tomas de auga e sumidoiros conectados á rede de evacuación municipal, contedores de recollida selectiva de lixo...) e unha superior con 19 prazas de estacionamento para turismos, dúas delas con puntos de recarga para vehículos eléctricos, unha praza de aparcadoiro accesible, sete prazas para aparcadoiro de motocicletas e seis para bicicletas.

Empregaranse materiais de construción sostibles e zonas de terreo vexetal que ocupen arredor do 25-20% da superficie con celosías de formigón prefabricado para a correcta infiltración das augas, buscando unha adecuada integración na paisaxe con vexetación e áreas verdes.

O espazo contará tamén con conexión a rede de abastecemento de auga e electricidade para o alumeamento público, que disporá tamén de sistema de carga solar, e a recarga de vehículos eléctricos.

Lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume

O presidente da Deputación e o alcalde da Capela visitaron a zona onde se construirá o aparcadoiro e explicaron que o proxecto complétase coa posta en marcha dun servizo de lanzadeira-furgoneta eléctrica para o traslado dos visitantes desde este punto (As Neves) ata o Camiño da Ventureira, na entrada do Parque Natural das Fragas do Eume.

A adquisición da furgoneta supón un investimento de 60.000 euros, incluídos tamén neste convenio.

O obxectivo é reducir as emisións de Co2 e a contaminación acústica que produce o tránsito continuo de vehículos de combustión, así como a xeración de residuos dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, ao mesmo tempo que se consigue unha mellor ordenación do tráfico eliminando os problemas de estacionamento que se producen especialmente durante a época estival.