Comeza o Regueibertso, o encontro escolar entre regueifeiras galegas e bertsolaris do País Vasco, co apoio da Deputación
Santiago acollerá mañá a visita de escolares do IES de Arratia (Igorre, Biskaia) que participarán en varias actividades arredor do Día das Letras Galegas, coordenadas pola asociación ORAL
O alumnado galego reunirase co vasco o 18 de maio no albergue do Monte do Gozo, onde terán lugar actividades de dinamización e de formación en improvisación oral
"Queremos contribuír ao intercambio de experiencias entre a mocidade entorno á nosa lingua, cultura e música, e este tipo de proxectos son un excelente medio para facelo" sinalou a deputada de lingua, Soledad Agra

Mañá comeza en Santiago o Regueibertso, un encontro escolar entre regueifeiras galegas e bertsolaris do País Vasco, que conta co apoio da área de lingua da Deputación. ""Queremos contribuír ao intercambio de experiencias entre a mocidade entorno á nosa lingua, cultura e música, e este tipo de proxectos son un excelente medio para facelo" sinalou a deputada, Soledad Agra.
O Regueibertso é un programa da Deputación da Coruña e o proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL de Regueifa, que consiste nun intercambio entre regueifeiras galegas e bertsolaris do País Vasco para pór en valor a improvisación oral, a lingua propia e a diversidade cultural e lingüística.
A relación entre regueifeiros e bertsolaris no noso sistema escolar comezou en 2016 con encontros anuais, alternativamente, en Galicia e o Pais Vasco. O Regueibertso organízase como unha convivencia bianual que este ano se desenvolve en dúas dimensións: un encontro escolar no Monte do Gozo, con actividades lúdicas e formativas do alumnado e profesorado implicado, e a participación dese alumnado na Gala Enregueifate-Regueibertso-Regueifesta, onde estes tres proxectos xuntan as súas enerxías o 19 de maio nun espectáculo no Auditorio de Galicia para mil escolares de centros que participan na dinamización da improvisación oral.
A convivencia
O alumnado vasco, do IES de Arratia, da localidade de Igorre, de Biskaia, chega a Compostela o 17 de maio. Esa xornada de benvida participarán en varias actividades arredor do Día das Letras Galegas, coordenadas pola asociación ORAL. O alumnado galego reunirase co vasco o día 18 de maio no albergue do Monte do Gozo. Nesta convivencia terán lugar actividades de dinamización e de formación en improvisación oral. Tamén se fará un achegamento á lingua galega, para o alumnado vasco, e ao euskera, para o galego. Ademais, faranse grupos de traballo para un ensaio xeral da Gala do día seguinte, e mais unha festa-foliada coa improvisación oral como tema central.
A Gala Regueibertso - Enreguéifate - Regueifesta
A Gala do día 19 de maio terá lugar no Auditorio de Galicia, para 1000 escolares. Nesta cita, o Regueibertso conflúe con outro programa de dinamización da regueifa e da lingua entre a xente nova, o Enreguéifate. Este proxecto leva desenvolvéndose 7 anos, no que participan varios concellos: Compostela, Carballo, Teo, Ames, Pontevedra. A Gala ten como un dos obxectivos entregar os premios do concurso de vídeos de regueifa de Enreguéifate no que este ano participaron case cen regueifas audiovisuais.
A Gala será presentada polas regueifeiras Nuria Penas, Xairo de Herbón, Lupe Blanco, O Rabelo, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende. Ademais, no espectáculo participarán máis de trinta adolescentes e a Orquestra da Regueifa, cos bertsolaris do IES de Arratia, de Igorre, como convidados especiais.