Estás en:Novas

Formoso sinala a dinamización económica como un piar das políticas progresistas: “Dela depende o sostemento dos servizos públicos”

"Ampliar un hospital, abrir unha escola infantil ou pór en marcha un novo modelo de residencia, como vai facer a Deputación, non é posible sen os ingresos que xera a actividade económica", salientou o presidente provincial na presentación do estudo "A economía galega. Informe 2024"

A publicación destaca aspectos coma o incremento da ocupación na industria, o estancamento do sector primario ou o incremento da fenda entre Galicia e o conxunto de España respecto dos niveis de emprego

Formoso sinala a dinamización económica como un piar das políticas progresistas: “Dela depende o sostemento dos servizos públicos”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que cando un goberno progresista coma o provincial considera a economía "un piar fundamental" das súas políticas, aínda que non teña competencias directas nesa área, é porque dela depende "o máis sensible das sociedades, como é o sostemento dos servizos públicos". "Ampliar un hospital, abrir unha escola infantil ou por en marcha un novo modelo de residencia, como vai facer a Deputación, non é posible sen os ingresos que xera a actividade económica", recordou.
Foi na presentación do estudo "A economía galega. Informe 2024", unha publicación elaborada polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), dependente da Universidade de Santiago de Compostela. Xunto a el estiveron os profesores da USC Dolores Riveiro García e Roberto Bande Ramudo, coordinadores do traballo, que se ven editando de xeito anual desde 1986 e que conta coa colaboración da institución provincial e de Caixa Rural Galega.
Tal como explicou Formoso, no estudo, que é "un referente" en Galicia, participaron 14 profesores da USC, que analizaron a evolución dos indicadores en ámbitos coma o agro, a pesca, a industria, a construción e o mercado inmobiliario, os servizos (cun apartado especialmente dedicado ao turismo), o mercado de traballo, o sector público e o comercio exterior.
O presidente provincial destacou a publicación como unha ferramenta "moi práctica" que proporciona unha fotografía polo miúdo da situación da economía galega, especialmente útil para as Administracións, por canto serve de "guía para o desenvolvemento de políticas".
Dolores Riveiro afondou nas principais conclusións que se extraen do informe. Entre elas, apuntou o estancamento da renda na agricultura, mentres sobe tanto en España coma en Europa, e respecto da pesca enumerou problemas como a caída da descarga en lonxa ou descenso da demanda.
O incremento da ocupación na industria (un 9 %) e a baixada no sector servizos, a subida das exportacións, coa automoción e o téxtil á cabeza, ou o alto prezo dos alugueiros, que se incrementaron un 7,9 % e nalgunhas zonas urbanas xa consume a metade dos ingresos da xente nova, son outros dos indicadores que foi debullando.
Pola súa banda, Roberto Bande advertiu que, aínda que a evolución do mercado de traballo "foi boa", o ritmo de crecemento do emprego "estase ralentizando", o cal cualificou de "preocupante". Nese senso chamou a atención sobre que a fenda respecto do conxunto de España "está aumentando". Mentres a economía española xa recuperou os niveis de ocupación previos ao 2008, a galega "non foi capaz aínda", explicou.
O emprego autónomo "tamén é outra preocupación", dixo, porque a situación de 2023, cun forte aumento ao abeiro da batería de axudas das Administracións, mudou completamente.