Estás en:Novas

Santa Comba acolle a última das paletras que a Deputación organiza con motivo do 28X, Día da Diversidade Sexual

A institucionalización das persoas LGTBIQA+ é a temática que aborda esta palestra, enmarcada na campaña anual 'Liberdade de ser e de sentir' que desenvolve a área de igualdade da Deputación

Santa Comba acolle a última das paletras que a Deputación organiza con motivo do 28X, Día da Diversidade Sexual

O Museo Terra do Xallas – Casa do Pazo de Santa Comba acolleu onte a última das palestras que a Deputación da Coruña puxo en marcha con motivo do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual. Unha actividade que forma parte da programación anual que a área de igualdade da entidade provincial desenvolve no marco da campaña 'Liberdade de Ser e Sentir'. Abordouse, así, a institucionalización das persoas LGTBIQA+, da man da terapeuta ocupacional Rosa Rilo, e traballador social Ignacio Igrexas.

A deputada de igualdade, Sol Agra, asistiu a esta terceira e última xornada, trala que se celebrou en Boiro sobre sobre corpos e disidencias sexuais e en Carballo sobre medidas para a igualdade e non discriminación das persoas LGTBIQA+ no ámbito laboral. A deputada sinalou o obxectivo de "visibilizar a problemática coa que se atopan moitas persoas do colectivo que viven en contextos institucionalizados: residencias da terceira idade, centros de diversidade funcional, institucións sanitarias...". Agra engadiu que "moitas teñen que volver armarizarse para poder sobrevivir nun contexto que, nalgúns casos, resulta máis hostil que a propia sociedade na que viviron até ese momento".

As persoas e familias ao longo da súa biografía teñen multitude de situacións nas que están en relación directa con institucións de coidado, educación, saúde, etc. As persoas que pertencen ao colectivo LGBTQIA+ están expostas a situacións que poden ser complexas pola inadecuación do funcionamento das organizacións aos seus dereitos sexuais. Nesta conversa repasáronse as situacións nas que a orientación e a identidade sexual non están previstas ou contempladas correctamente. Buscáronse, así, solucións e estratexias para avanzar na atención das persoas ou familias LGBTQIA+ nos recursos institucionais e abordáronse as vantaxes e desvantaxes dos recursos de atención específicos.

Esta palestra foi retransmitida en streaming e posta a disposición na páxina web da campaña seresentir.gal como recurso de traballo en aberto.