Estás en:Novas

Comeza o ciclo ‘Espazos Sonoros’ da Deputación, que pon en valor a música antiga e o patrimonio a través de concertos e actividades en localizacións únicas

O programa comezou hoxe no convento de Santo Antonio de Herbón (Padrón) co Il Concerto Intempestivo, e desenvolverase ata o 4 de outubro en outros espazos senlleiros do patrimonio provincial como o faro de Estaca de Bares ou o Estaleiro do Ciprián (Outes), entre outros

Per-Sonat, Alexia Crhysomalli & Óscar Antolí, Vox Stellae, Paulina Ceremużyńska e Manuel Vilas, Suelen Estar Quartet, Rosana Orsini e ensemble freymut son as outras formacións que encherán de son eses espazos

"Con esta iniciativa queremos poñer en valor o noso patrimonio e a música antiga, e tamén reflexionar sobre a necesaria retención do talento que temos para evitar que teña que emigrar a outros países" sinalou o deputado de patrimonio, Xosé Penas, durante a inauguración

Comeza o ciclo ‘Espazos Sonoros’ da Deputación, que pon en valor a música antiga e o patrimonio a través de concertos e actividades en localizacións únicas

O convento de Santo Antonio de Herbón acolleu esta tarde a inauguración dunha nova edicón do ciclo 'Espazos Sonoros', organizado pola área de patrimonio da Deputación para poñer en valor a música antiga e o patrimonio cultural e arquitectónico da provincia. O Il Concerto Intempestivo abriu en Padrón un programa que se prolongará ata o 4 de outubro en diferentes espazos senlleiros do patrimonio provincial. Ademais do concerto, durante a tarde tivo lugar unha visita ao conxunto conventual de Santo Antonio de Herbón e á igrexa románica de Santa María.

Durante a inauguración, o deputado de patrimonio e contratación, Xosé Penas, sinalou o obxectivo desta iniciativa: "poñer en valor o noso patrimonio e a música antiga, e tamén reflexionar sobre a necesaria retención do talento que temos para evitar que se vexa na obriga de emigrar a outros países para poder vivir da música". Penas engadiu que 'Espazos Sonoros' é "un festival cun selo de calidade, onde participan os mellores grupos do panorama musical internacional, e que aposta polo complemento de actividades arredor dese eixo central da música e do patrimonio". "Sempre na procura doutra maneira de sentir, escoitar e contemplar esa inmensa lista de patrimonio material e inmaterial que temos a sorte de ter e que, como administración pública, temos tamén a obriga de protexer e preservar".

Programación

  • Domingo 7 de setembro, 17.30 horas: Vox Stellae (igrexa parroquial de Santa María de Bares, Mañón).
  • Sábado 13 de setembro, 19 horas: Alexia Chrysomalli & Óscar Antolí (Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira-Estaleiro do Ciprián, Outes).
  • Sábado 20 de setembro, 19 horas: Per-Sonat (santuario da Virxe do Camiño, Muros).
  • Sábado 27 de setembro, 17 e 18.30 horas: Paulina Ceremużyńska e Manuel Vilas (Santo Antoíño de Toques).
  • Domingo 28 de setembro, 12.30 horas: Suelen Estar Quartet (Centro Etnográfico do río Mandeo, Curtis).
  • Sábado 4 de outubro, 20 horas: concerto de clausura, con Rosana Orsini & ensemble freymut (Teatro de Beneficencia, Ortigueira).

Outras actividades

Coma todos os anos, o ciclo propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para saber máis dos contidos musicais da programación. Entre elas destacan unha xornada en Bares e visita ao faro (7 de setembro), a Ruta dos carpinteiros cos pés mollados (13 de setembro), unha ollada ao patrimonio histórico e industrial de Muros (20 de setembro), unha visita ao castro da Graña e á igrexa de Santo Antoíño de Toques (27 de setembro) e unha visita Visita ao Centro Etnógráfico do Río Mandeo e paseo sonoro polo río Carregal (28 de setembro).

Os concertos son de balde e a entrada libre, agás para os recitais en Santo Antoíño de Toques e no Centro Etnográfico do Río Mandeo, que precisan inscrición previa, o mesmo que as outras actividades do programa. Na web do ciclo, espazossonoros.org, podedes consultar a programación polo miúdo e como e en que prazos realizar as inscricións.