Estás en:Novas

O Wos Festival chega á súa oitava cita co apoio da Deputación, convertido en referente estatal da música electrónica e de vangarda

"A colaboración entre as administracións públicas e o sector privado debe e ten que ser o motor xerador de sinerxías ao redor deste festival e de calquera outro; un motor que reverta no próximo, na sociedade a cal temos a obriga de representar, porque a cultura, o patrimonio, a música forman parte das dinámicas sociais e contribúen a facer, neste caso de Compostela, un escaparate de turismo de calidade afastado do barullo cotiá doutras apostas", afirmou hoxe o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, na presentación do programa

Do 11 ao 14 de setembro, o festival ofrecerá case trinta concertos, sesións de DJ, "performances", cinema, obradoiros e outras actividades en dez espazos sobranceiros de Santiago de Compostela: sala Capitol, CGAC, aFundación Eugenio Granell, aFundación Laboral da Construción, Igrexa da Universidade, NUMAX, Parque de Bonaval, Teatro Principal, Afundación e Auditorio Abanca

O Wos Festival chega á súa oitava cita co apoio da Deputación, convertido en referente estatal da música electrónica e de vangarda

A Fundación Eugenio Granell, de Compostela, acolleu esta mañá a presentación da oitava edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia, que volve contar co apoio da Deputación da Coruña. Na rolda de prensa participaron o titular provincial de Patrimonio, Xosé Penas; a concelleira de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao; o director da Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o director executivo e artístico do WOS Festival, Iván Arias; e a comisaria da programación paralela do WOS Festival e directora do proxecto 'Amplificando a memoria', Acacia Ojea.

"A colaboración entre as administracións públicas e o sector privado", afirmou Penas, "debe e ten que ser o motor xerador de sinerxías ao arredor deste festival e de calquera outro; un motor que reverta no próximo, na sociedade a cal temos a obriga de representar". "Porque", engadiu, "a cultura, o patrimonio, a música forman parte das dinámicas sociais e contribúen a facer, neste caso de Compostela, un escaparate de turismo de calidade afastado do barullo cotiá doutras apostas, se cadra maiores, pero con moito menor retorno para o achegado, que en definitiva son e somos os que formamos esta gran cidade e este gran país".

Penas destacou tamén "o compromiso do festival e dos organizadores coa diversidade de orixes e co xénero, ese compromiso transversal que debe impregnarnos a todos nós en cada unha das actividades , non só culturais senón de todo tipo". "Un compromiso", abundou, "polo respecto, pola diversidade cultural, pola orixe, preservando o propio sen esquecer quen somos, mais ao mesmo tempo integrando nun mundo global que sempre suma".

O deputado salientou ademais unha citas do programa, "Amplificando a memoria", unha iniciativa de posta en valor do patrimonio sonoro galego que conta con financiamento da Deputación, dentro da convocatoria de proxectos singulares para a memoria social.

O festival

WOS Festival x SON Estrella Galicia é un festival de creación contemporánea que se celebra cada setembro en Santiago de Compostela. Ao longo de catro días, do 11 ao 14 de setembro, propón unha ruta artística e musical por máis de dez espazos singulares do casco histórico, desde teatros a igrexas, con actividades que cruzan música electrónica, cinema, "performance" e pensamento. Recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa 2018 nos European Festival Awards, obtivo nos Iberian Festival Awards os premios á Mellor Promoción Turística 2018 e Mellor Festival Indoor Nacional 2023.

O programa inclúe:

Concertos audiovisuais, dj set e "performances": Abdullah Miniawy, aya & MFO, Batu, Beatrice Dillon, BFlecha b2b Mwëslee, Carme López, Carrier, CCL, Djrum, Grand River & Abul Mogard, Heinali & Adriana-Yaroslava Saienko, Ivy Barkakati b2b Breixo Martínez, KAVARI, Klein, KUNTARI, Lord Spikeheart, Los Thuthanaka, Malandrómeda & Caamaño, Masayoshi Fujita, Nazar, Niecy Blues, Objekt, Purelink, Rainy Miller, Saint Abdullah, Eomac & Rebecca Salvadori, Sara Persico & Mika Oki, Simo Cell, Tarta Relena e ZULI.

Obradoiros "Lindisfarne Sample Pack", cos galegos Abrián Blanco (JUAIT) e Alberto Cernadas (CRNDS). A actividade, que se celebrará o venres 12, inclúe unha presentacion do Sample Pack que fixeron con Xabier Díaz e, a continuación, un taller no que se expón a aplicación práctica do mesmo nun contexto de produción musical electrónica. Tamén estará Xabier Díaz.

Nova edición do panel de discusión "O son electrónico de Galicia: unha conversa interxeracional", que terá lugar o venres 12 e o sábado 13 no auditorio do CGAC. Moderado por Cora Novoa e Víctor Flores, conta coa participación de numerosas figuras da escena da electrónica e da vangarda do país, como José González, Valeria Vázquez, Nelo, Amiga, Belén Vidal, Héctor Iglesias, Nico Iglesias, Gema Albo e Beta Aguilar.

Sesións de cinema en NUMAX: unha programación que explora o papel do son e da música como eixe central da linguaxe cinematográfica. Proxectaranse catro filmes de venres a domingo: "Free Party: A Folk Story", "32 sounds", "Diary of a Sky" e "Where Language fails us".

En paralelo, desenvolverase o proxecto de investigación e creación sonora "Amplificando a memoria", unha iniciativa que recupera e reactiva o altofalante galego Organsound, creado polos irmáns Portela Seijo no 1972. Este proxecto, que Afundación acollerá na súa sede do 11 ao 14 de setembro, conta cunha instalación sonora do artista galego Xoán-Xil López, con tres sesións de escoita levadas por tres selectores (Philip Sherburne, Nono e Chago) e un panel de pensamento arredor do Organsound, no que participarán Yago Portela, Belén Bermejo e o artista Xoán-Xil.