Estás en:Novas

A Deputación e o COAG promoven dous concursos de proxectos para rehabilitar o Pazo de Arenaza e construír un auditorio ao aire libre en Balarés

As dúas iniciativas, que contan coa colaboración técnica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, buscan impulsar a calidade arquitectónica, a sustentabilidade e a posta en valor do patrimonio público e natural da provincia

Os concursos diríxense a profesionais da arquitectura e permitirán seleccionar as mellores propostas para a rehabilitación do edificio claustral de Arenaza, en Oleiros, e a creación dun espazo cultural e social en Ponteceso

A institución provincial destina un orzamento global superior aos 400.000 euros, incluíndo premios, honorarios e a execución das actuacións, cun convenio vixente ata o 31 de decembro de 2026

A Deputación e o COAG promoven dous concursos de proxectos para rehabilitar o Pazo de Arenaza e construír un auditorio ao aire libre en Balarés

A Deputación da Coruña e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron dous convenios de colaboración para a convocatoria de concursos de proxectos de arquitectura destinados a promover intervencións emblemáticas no Pazo de Arenaza, en Oleiros, e na praia de Balarés, en Ponteceso. Ambas iniciativas teñen como obxectivo potenciar a calidade arquitectónica, a sustentabilidade e o respecto polo patrimonio histórico e natural da provincia.

No caso do Pazo de Arenaza, o concurso busca rehabilitar o edificio claustral do complexo situado en Iñás (Oleiros) para ampliar o espazo de traballo colaborativo (coworking) que a Deputación mantén neste inmoble. O acordo foi asinado polo deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamentos, Xosé Penas, e polo decano-presidente do COAG, Luciano González, coa presenza da presidenta da Delegación de A Coruña do Colexio, Encarnación Ruth Varela. A intervención combinará a conservación do patrimonio coa creación dun espazo moderno e funcional orientado ao emprendemento.

Pola súa banda, o segundo convenio permitirá convocar un concurso para a construción dun auditorio ao aire libre e a mellora da contorna da cafetería da praia de Balarés, no concello de Ponteceso. A iniciativa pretende integrar a arquitectura coa paisaxe natural, creando un novo espazo cultural e social para concertos e actividades ao aire libre que dinamice o turismo e a vida comunitaria da comarca de Bergantiños.

Os concursos repartirán premios económicos que suman máis de 20.000 euros e suporán a contratación dos equipos gañadores para a redacción dos proxectos de execución e, no seu caso, a dirección de obra. O orzamento de execución material previsto ascende a 265.630 euros para a rehabilitación de Arenaza e a 150.000 euros para o auditorio de Balarés.

Estes convenios, con vixencia ata o 31 de decembro de 2026, reflicten o compromiso da Deputación da Coruña co patrimonio público, a sustentabilidade e o impulso da arquitectura como ferramenta de desenvolvemento cultural e social ao servizo da cidadanía.