Comenzaron en Teixeiro as xornadas “Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados” da Deputación
O Centro Etnográfico Río Mandeo acolle hoxe e mañá unha programación que inclúe mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión colectiva arredor dos dereitos laborais, a saúde mental, as violencias e as estratexias de incidencia política
"Seguramente, de cada unha das mesas nas que participaredes estes dous días, sacaremos como conclusión que precisamos outra lei de estranxeiría, unha que aporte algo máis de sentido común e humanidade aos prazos", destacou na presentación do encontro a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra
O Centro Etnográfico Río Mandeo, en Teixeiro, acolle hoxe e mañá as xornadas "Mulleres lideresas migrantes no emprego do fogar e os coidados", unha iniciativa de área de Igualdade da Deputación da Coruña, en colaboración coa Asociación Movilidad Humana, que quere ofrecer un espazo de diálogo, recoñecemento e fortalecemento colectivo arredor do papel fundamental que desempeñan as mulleres migrantes no ámbito dos coidados e do traballo doméstico.
Presentou os relatorios, acompañada por Guadalupe Hernández, do equipo técnico de Movilidad Humana, a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, quen explicou a dinámica das xornadas: "Estes dous días poñeremos no foco ás mulleres migrantes que desenvolven o seu traballo no fogar e nos coidados na Galiza". "Darémoslle tamén", engadiu, "un foro propio para visibilizar as súas demandas no centro da axenda social e política; escoitaremos a expertas que analizarán e poñerán en valor a importancia real deste sector económico no benestar da sociedade galega".
Para Agra, gran parte da solución da precaria situación das mulleres lideresas migrantes está "nunha nova lei de estranxeiría, unha que aporte algo máis de sentido común e humanidade aos prazos". "Toda a vida das mulleres migrantes", argumentou, "desde a súa chegada á Galiza, a un país, que se supón acolledor, queda en espera, depende do tempo, tempo para conseguir cita en estranxeiría, tempo para conseguir o permiso de residencia, tempo para conseguir a homologación dos seus estudos, tempo para conseguir permiso de traballo, tempo para conseguir volver visitar á familia que deixaches no teu país de orixe, tempos e esperas que te fan perder a esperanza do único que tiñas claro cando decidistes emigrar, que era que querías que a túa vida empezara a mellorar xa, e a loita é tan dura, tan lenta, e tan chea de atrancos que unha perde o ánimo ás veces".
Fronte a "unha Deputación que non lexisla", Agra falou das competencias da administración provincial e do labor do departamento de Igualdade e Dereitos Civís para paliar a situación das mulleres migrantes: «Destinamos orzamentos a apoiar aos concellos da provincia, maioritariamente aos máis pequenos, para que ninguén quede sen servizos sociais, cultura, ou infraestruturas por non ter orzamento dabondo". "Tamén", abundou, "destinamos parte do noso orzamento a subvencionar entidades sociais, persoas que se unen para dinamizar a cultura e a sociedade, persoas que se unen como moitas das asociacións que hoxe estades aquí para apoiarse mutuamente; e para axudar as que chegan novas e guialas no seu proceso de integración, para que migrar non sexa chegar soa".
"Temos", rematou, "que ser terra de acollemento, porque á nosa sociedade foi acollida noutra en moitas ocasións, escapando da fame e da guerra, buscando un futuro mellor as fillas e os fillos".
Programa
A programación das xornadas inclúe mesas de diálogo, espazos de coidado e reflexión colectiva arredor dos dereitos laborais, a saúde mental, as violencias e as estratexias de incidencia política. Estas son as propostas para hoxe:
- 10:30-14:00. "Liña do tempo de dereitos. Traballadoras do fogar e coidados". Con Silvia Carrizo, presidenta de Malen Etxea.
- 10:30–10:45. "Plataformas dixitais e precariedade das empregadas do fogar e dos coidados". Con Raquel Martínez Buján, socióloga, da UDC.
- 10:45–11:15. "Compartindo loitas: Experiencias e estratexias para esixir dereitos. O paro". Con Ismael Sanchez Jimenez, avogado de SEDOAC.
- 12:15–12:45. "Dereitos humanos e violencias. Traballadoras do fogar e os coidados". Con Tania Sordo Ruiz, xurista experta en xénero e dereitos humanos.
- 16:00–17:30. "Mulleres migrantes e xubilación". Con Silvia Carrizo, presidenta de Malen Etxea.
- 18:00–19:00. "Saúde mental das traballadoras do fogar e os coidados" Con Gabriela Frias, psicóloga.
- 19:00–20:00. "Sanación e reparación do corpo". Con Sara Álvarez, terapeuta Social.
- 21:00–22:00. Obradoiro creativo "O corpo como manifesto". Con Dhali Illingworth, directora de Asociación da FIADA.
As xornadas continuarán mañá con este programa:
- 10:00–11:30. "Apoio ás organizacións de mulleres migrantes traballadoras do fogar e os coidados". Con Ximena Medina Mejía, do equipo técnico de Oxfam Intermón.
- 12:00–13:00. "Sanación e reparación do corpo". Con Sara Álvarez, terapeuta social.
- 13:00–14:00. Proceso asociativo de mulleres. Con Julia Acevedo, presidenta de Mexicanos en Galicia; Soledad Lucero, coordinadora de Movilidad Humana, e Ayelen Etchegaray, da Fundación Ronsel.
- 16:00–17:00. Experiencias da mocidade e das fillas e fillos das traballadoras do fogar. Con Valentina Paredes, de Movilidad Humana, e Sara Cutoiapala, presidenta da Asociación de Trabajadoras del Hogar de Murcia.
- 17:00–18:00. Reflexións e experiencias dende as nosas voces e corpos.
- 18:30–19:30. Lectura do manifesto.
